Estas palabras galegas necesítaas o español!

Metes ás veces palabras en galego cando falas castelán porque non atopas ningunha tan exacta para o que queres dicir? Igual o castelán podía deixarse de tanto anglicismo e buscar os seus préstamos na nosa lingua! Estas son algunhas das nosas propostas

A celebración da Festa da Auga de Vilagarcía non é moi enxebre pero está chea de xente riquiña. Aquí non está permitido ser un toxo ou estar roncha. Hai auga a esgalla pero divírtete  con xeito, non te confíes porque pode ser unha desfeita se resbalas
A celebración da Festa da Auga de Vilagarcía non é moi enxebre pero está chea de xente riquiña. Aquí non está permitido ser un toxo ou estar roncha. Hai auga a esgalla pero divírtete con xeito, non te confíes porque pode ser unha desfeita se resbalas

Lercha: Para nós é quen fala de máis e a destempo. Habería que engadir que o fai tamén con graza.

Trapallada: Pois algo sen xeito, claro, que non chega ao punto de ser unha desfeita pero que tampouco queda moi lonxe.

Pelouriño: Aínda que un «pelouriño» era un instrumento de tortura, o nome cariñoso vén de «pelouro», a pedra. Se tes un neno pelouriño na casa sabes de que falo

Colo: Que preguntar aos nenos en castelán? Se queren regazo? Se queren brazos? Seguro que así prefiren camiñar.

Xeito: Podemos facer algo «con ou sen xeito». Difícil de explicar pero fácil de recoñecer, sobre todo cando falta. 

Petar: A RAE recoñece esta palabra co significado de ‘chamar á porta [coa man] en Galicia e León’. O primeiro paso para estendela xa está dado!

Esgalla: Que dirías? Que hai «mucho de algo», «un montón»? Moito mellor «a esgalla», que dá ese matiz extra de cantidade sen límites nivel voda galega.

Desfeita: Podes dicir «desastre», pero non é o mesmo. A «desfeita» achega máis caos, desorde e sacudidas de cabeza mentres pensas como arranxalo todo.

Furar: Non o «furar» de ‘facer buratos’, senón o de ‘darlle ao balón tan forte’ que o porteiro ten que decidir se encaixar un gol e seguir vivo ou intentar paralo... Ese si é necesario no recreo.

Estomballarse: Non se trata de deitarse sen máis, «estomballarse» implica ‘entregarse á forza da gravidade e deixarse caer no sofá sen opoñer resistencia’.

Riquiño: Esta en realidade xa é coñecida e utilizada en todas as zonas con forte influencia galega. É dicir, en todo o mundo menos en 57 países.

Argallar: Xa só con escoitar esas tres sílabas obtemos a imaxe do cerebro da persoa da que falamos, coa súa maquinaria funcionando a todo «filispín».

Falabarato: Transparente e perfecta para aplicar a boa parte da clase política. Hai algo moi pracenteiro en pronunciar palabras despectivas longas.

Zaragallada: Podes chamarlle «recheo» ao de dentro da empanada? Podes. É moito menos preciso? Sen dúbida. «Zaragallada» case sabe a pemento e berberecho.

Toxo: Existe a palabra «tojo», pero só co significado da planta. Que alguén poida ser un pouco «toxo» é algo que ninguén entenderá se o dis fóra.

Pimpín: En castelán un «pimpín» é un xogo, pero non algo que podes chamar a esa persoa vítima perfecta dos falabaratos anteriormente mencionados.

Aquelar: Unha desas palabras comodín que son moito máis que á que substitúen. «Arranxar», si, pero mellor, ‘con coidado e con moito agarimo’.

Enxebre: Nunca sabemos como explicar esta palabra (para iso está a RAG!). O mellor é sinalar e dicir: «Enxebre é este bar». E xa todos entenden.

Fozar: E non só «fozar»: «fochicar», «fedellar», «remexer»… Tantos sinónimos aquí, no galego, e tan poucos no castelán. Enredar? Hurgar? Non é o mesmo.

Zoscar: Tería éxito polo parecido con «zasca». É case unha onomatopea: a primeira sílaba é o son da man movéndose rápido no aire antes do golpe.

Chaparreta: A «azote», a versión castelá, fáltanlle letras e esa sensación de que vai caer máis dun golpe (posiblemente polo parecido con «chaparrada»).

Rabudo: Non é raro que apareza neste tipo de listaxes. Que hai máis acaído para alguén con mal xenio que facer referencia ao seu parecido co demo?

«Estar roncha»: Que igual esa persoa non era rabuda e só tiña un mal día. É dicir, estaba roncha e con pouca gana de lerias. A quen non lle pasou algunha vez? Nada que ver con ter marcas redondas na cara.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
79 votos
Comentarios

Estas palabras galegas necesítaas o español!