O machismo na música: «Hai milleiros de compositoras, pero non se fala delas»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

XOAN CARLOS GIL

Docentes do conservatorio profesional crearon o grupo En clave morada para mudar os repertorios nas aulas e fomentar a igualdade: «As estudantes necesitan referentes»

02 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Mozart era Wolfgang Amadeus, pero tamén a súa irmá María Anna. Ambos, con grande talento, percorrían xuntos as cortes europeas tocando. Cando ela cumpriu 12 anos, o seu pai ordenou que quedara na casa. Felix Mendelssohn compuxo unhas 80 obras; a súa irmá Fanny, 460. Ela tampouco figura nos libros de historia da música aínda que se lle atribúen algúns dos temas máis valorados do compositor. Clara Schumann foi unha creadora precoz e virtuosa, dedicada á fama do seu home. A listaxe de autoras é enorme. «Hai milleiros de compositoras catalogadas, pero a maioría son descoñecidas, non se fala delas nin se tocan as súas obras», explica Susana Pérez Otero, pianista e docente do Conservatorio Profesional de Música de Vigo que leva anos estudando ás esquecidas. Cecilia Chaminade, Amy Beach, Rebecca Clarke, Violet Archer, Ethel Smyth, Florence Price, Sonia Megías, Teresa Catalán, Marisa Manchado... Son virtuosas, pero seguen silenciadas.

Pérez Otero forma, xunto coa profesora de viola Belén Ferreiro, e a profesora de gaita Rebeca Carrera Argibay o grupo En clave morada. «Encargáronme o plan de igualdade do centro e consultei con Belén, Susana escoitounos e dixo, eu podo axudarvos. Digamos que empezamos de casualidade», explica Carrera Argibay. Hoxe, estas tres músicas están a revolucionar a vida no centro educativo fomentando que se inclúan repertorios de creadoras nas aulas. Veñen de organizar unha programación aberta á cidadanía que comezou onte e se prolonga ata o vindeiro venres día 8, para poñer en valor ás compositoras invisibles. (https://edlg.cmusvigo.gal/index.php/2024/02/19/enclave-morada-semana-de-igualdade/).

Unha discriminación moi actual

As desigualdades non son solo teóricas, están nos repertorios das aulas, pero tamén nos carteis dos espectáculos e mesmo nas direccións de agrupacións musicais. A Orquestra Filharmónica de Viena é un exemplo. Esta coñecida formación, protagonista cada 1 de xaneiro, non aceptou mulleres ata o ano 1997. «Todo o mundo fala desta orquestra e a min éntrame urticaria. Cando incorporaron mulleres, si quedaban embarazadas, tiñan que volver facer as probas de acceso e aínda non naceu a muller capaz de dirixir á orquestra», ironiza a violista Belén Ferreiro.

«Ata hai pouco, chamar gaiteira a unha muller era un insulto, era dicirlle muller de mala vida», explica Rebeca Carrera, profesora do instrumento tradicional. No piano hai máis mulleres: «O piano formaba parte da educación das boas esposas e nais na alta sociedade. Elas eran docentes, pero as obras das grandes compositoras non se tocan nin coñecen», explica Susana Pérez. Rescatar ás esquecidas é máis complicado na música de épocas antigas. «No Barroco é moi complicado poder recuperar a música. Sábese que houbo nomes como Francesca Caccini, pero non hai partituras», aclara a violista.

«As estudantes necesitan referentes. Temos que mostrarlles ás alumnas que hai compositoras e tamén trombonistas mulleres, por exemplo, temos que conseguir normalidade, para que xa non teñamos que falar disto», Insiste Susana Pérez. Grazas ó traballo destas tres profesoras e músicas, as obras de creadoras esquecidas xa forman parte da maioría das clases nas aulas do Conservatorio Profesional.

O machismo na música segue a ser real, hai familias de instrumentos nos que elas son minoría ou, directamente, non existen. «Cando dixen na casa que quería tocar a gaita, meu pai dixo que si non prefería outro instrumento. Empecei co piano e quedei coa gaita, que era o que me gustaba», relata Rebeca, sobriña neta do gaiteiro Eladio Argibay. «A muller tocaba o piano, a arpa e podía cantar. Hai máis mulleres en instrumentos de corda, pero no vento e na percusión segue a haber un baleiro», explica Susana Pérez Otero. A pianista percorreu varios institutos de Vigo nesta labor de divulgación. O seu concerto didáctico derivou nun doutorado sobre a equidade nos conservatorios de música. O seu blog Músicas y silencios é unha referencia para docentes pola cantidade de obras, partituras e biografías de mulleres esquecidas que rescata.

Co mesmo título, celebrarase un concerto o luns no que a pianista fará unha viaxe sonora polas creadoras silenciadas. O mércores, soará no Conservatorio a música de grandes compositoras en ‘Unha tarde entre mulleres’: «Haberá tamén arte efémero porque se vai interpretar a composición da profesora Gloria Rodríguez, que creou para este día», aclara Ferreiro. «Non coñecer a estas compositoras é unha perda, non so para as mulleres, senón para toda a sociedade», insiste Pérez Otero. Hai silencios que convén rachar.

A SÚA CANCIÓN FAVORITA

«Marcha das mulleres», de Ethel Smyth «A peza é de 1910, a compositora creouna cando se uniu ás sufraxistas. Elas reivindicaban o dereito ao voto, escribiu este himno que ten moita forza, é optimista, vital, ao escoitalo dan ganas de tirar para adiante. Se elas conseguiron o voto, que non poderemos conseguir nós».