Un misterio sen resolver

VIGO CIUDAD

Consumouse o crime: o barco está xa atracado na rotonda de Coia. Sábese quen foi o culpable, pero seguen sendo un misterio os motivos que o levaron ao homicidio urbanístico. Sen dúbida, a falta de sentido estético do executor é unha razón. Se tivese a máis mínima sensibilidade ante a natureza ou a beleza non o tería feito. A rotonda de Coia, ademais dun oasis de verdor, era un regalo para os ollos: estaba ben deseñada, a harmonía con que se combinaran árbores e plantas de distintos tamaños e cores convertíaa en algo belo, eu diría mesmo que artístico. A súa destrución só pode provir de alguén alleo a eses valores. Pero isto non explica por que o fixo, en contra da vontade de veciños e cidadáns. Que interese tiña o alcalde de Vigo en destruír algo que funcionaba ben e que era fermoso? Que beneficios para el ou para os que o apoian conseguiu?

O culpable dixo: «O barco é precioso». De acordo. Pero por que non o levar ao Museo do Mar? Por que opoñerse á opinión de todos os representantes dos partidos da oposición? Por que gastar tanto diñeiro en algo que ninguén quere? Por que este alarde de falta de democracia?

Algo ten que ter gañado o alcalde, algún beneficio ten que ter recibido a cambio de tanta loucura. O único motivo do crime non pode ser o seu mal gusto.