A cara oculta do renacer da ilustración nos libros galegos

VIGO CIUDAD

O Museo Municipal de Castrelos acolle dende hoxe unha exposición sobre a figura de Xohán Ledo

20 nov 2007 . Actualizado a las 11:34 h.

Os vigueses terán, a partir de hoxe, a oportunidade de achegarse á figura de Xohán Ledo, o home que durante trinta anos ilustrou os libros da Editorial Galaxia, e algunha outra editorial.

O Museo Municipal de Castrelos acollerá dende hoxe unha exposición que tenta descubrir quen era Xohán Ledo, o pseudónimo de Ricardo García Suárez.

O seu anonimato foi total para o gran público, xa que non asumiu ningún protagonismo nesta faceta da súa vida. En realidade, Ricardo García foi médico. Chegou a Vigo no ano 1950 e sumouse ao proxecto editorial de Galaxia, xunto a homes como Francisco Fernández del Riego ou Xaime Isla Couto.

Xunto a Carlos Maside asumiu a dirección artística da editorial, e asinou a meirande parte das portadas, a maquetación e a ilustración dos libros de Galaxia ata finais dos anos setenta. Ademais, foi un pintor vocacional que só fixo dúas exposicións na súa vida.

Tres partes

Esta homenaxe estará estrutura en tres partes, que incluirán unha parte biográfica, outra dedicada ao traballo editorial xunto a unha resumida historia do libro en galego, e unha terceira parte totalmente pictórica, que está pensada coma se fose unha exposición de Xohán Ledo. Vai ser a súa terceira exposición.

«Será moi interesante ver a súa produción pictórica xa que ata o de agora non se coñecía publicamente esta faceta. Pintaba non coma un profesional senón polo propio pracer da pintura. Só fixo dúas exposicións na súa vida, unha cando tiña 16 anos e era un ultreya, e a outra, nos anos 50 en Vigo. Ten unha morea de cadros que non expuxo xamais, os regalaba aos seus amigos ou os tiña na súa casa», explica Gustavo Garrido, comisario da exposición.