Alfredo e Olaf

Francisco Ant.Vidal LINGUA PROLETARIA

TUI

24 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa teño comentado o tantas veces repetido polo amigo Xulio, que o ceo ou o inferno non son máis que a memoria que o finado deixa no mundo. Claro que desta maneira haberá algún morto co don da ubicuidade, que mentres para uns está na gloria brindando e gozando dunha interminable eternidade, para outros estará ardendo entre brea e xofre, rogando que a eternidade sexa un conto. Así é que moitos deses santos que por aí andan, para uns serán benditos e para outros malditos.

Hoxe tocounos falar de san Alfredo, tamén chamado o Grande, rei de Wessex na alta Idade Media, venerado cada 26 de outubro aínda sen aparecer no santoral romano, entre outros motivos por ser un dos máis encarnizados defensores do seu reino contra as invasións normandas. E é que a Igrexa, ás veces, non sabe que a santidade non debe outorgala ela senón o pobo agradecido. Ese é o primeiro principio da democracia de que a sacra institución adoece, gratificar a quen o fai ben e castigar a quen o fai mal, por sufraxio universal.

Pero outro tanto e pola vía contraria pasa con santo Olaf de Suecia, quen despois de armar o gran cristo en Tui, de destruír igrexas, conventos e ate a mesma catedral tudense, de secuestrar ó bispo e a toda a curia episcopal, cando o fan rei decide bautizarse para ter curas e monxes que lle controlen o territorio, e a partir de entón Roma fai a vista gorda e todo son milagres recoñecidos, de se converteu a auga en cervexa ou se tronou e lostregou o día que morreu; incluso se conta como, milagrosamente, subiu a marea para facilitarlle a saída dun fiorde onde era acosado desde a ribeira, como se dun novo Moisés se tratase. Pero nin na catedral de Tui nin na de Compostela atopei imaxe algunha súa. Algo así pasa cos nomes, que son outra forma de respectar e honrar, pois se ben alfredos hai moitos non coñezo a ningún galego que se chame Olaf.

Como queira que sexa, Alfredo e Olaf eran como o día e a noite, mentres o primeiro era un home culto, moi relixioso e moi viaxado, o sueco tamén era moi viaxado pero por motivos moi diferentes dos do inglés, non se sabe que fose moito nin pouco lido e a relixiosidade era o seu ben escaso. Alfredo tivo biógrafos que resaltaron a súa piedade e o moito que fixo por pacificar e reunificar o seu reino baixo o estandarte do cristianismo contra as imposicións nórdicas, e Olaf tivo escaldas que cantaron as súas masacres nos reinos cristiáns. Sen embargo Alfredo só é santo para uns poucos e Olaf está recoñecido pola máxima autoridade da Igrexa e é citado nos oficios relixiosos cada 29 de xullo.

Como queira que sexa, aínda que a ningún de nós nos apetece cruzar a fronteira da vida, cabe preguntarse a cal dos dous nos gustaría encontrar no Alén, se o intelectual e devoto inglés ou ó aventureiro normando capaz de dar un golpe na mesa diante de Cristo bendito se na vez de cervexa lle serven auga. O certo é que a eternidade sexa na compaña de quen sexa, debe ser a cousa máis aburrida do mundo. Non tes límite para nada, e sen límite falta a ansia e obrígasenos a ficar paspando, e cando a xente non ten nada que a motive tanto pode volverse alborotadora como inutilmente submisa.