
Do 12 ao 18 de maio ofrecerá un programa con preto de 70 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques
10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou onte a programación completa da súa 26ª edición, que do 12 ao 18 de maio ofrecerá un programa con preto de 70 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a representantes da organización, do Concello redondelán e doutras entidades colaboradoras nesta mostra, que nos últimos anos vén contando co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do programa anual de subvencións a festivais de artes escénicas.
Na súa intervención, Sutil anunciou que proximamente será comunicada a resolución destas axudas, dotadas con 280.000 euros que serán distribuídos entre mostras escénicas consideradas estratéxicas no seu ámbito. En referencia ao certame redondelán, felicitou a organización polo seu relevante labor de preservación e difusión do teatro de monicreques como patrimonio cultural universal.
O representante da Xunta incidiu igualmente no valor engadido das súas actividades formativas e divulgativas, fundamentais para a creación e fidelización de públicos neste espazo de convivencia interxeracional onde os nenos que asistiron ás primeiras edicións, acoden agora coas súas familias. Destacou tamén a importante presenza galega na programación desta 26ª edición, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza. En Redondela estarán, así mesmo, Spaguetti Títeres, Teatro Escena, Danthea Teatro, EducaTeatro, Paporrubio, Títeres Alakrán, Troula, Pedras de Cartón e Cachirulo Títeres, encargada ademais da exposición A volta ao mundo en 80 monecos, que presenta un percorrido polas variadas manifestacións artísticas de diferentes culturas do mundo en torno á arte do monicreque e que se poderá ver do 9 ao 20 de maio tanto no Multiúsos da Xunqueira como en diferentes escaparates do comercio redondelán. Á trintena de compañías teatrais súmanse catro formacións encargadas de poñer música ao festival. Como en anos anteriores, o Multiúsos da Xunqueira será a sede da programación de sala.