Hugo Guezeta, SonDaRúa: «Vai ser un concerto épico»

PONTEAREAS

Os de Ponteareas compartirán cartel esta noite no SonRías Baixas cun dos grandes nomes do rap español, Kase.O

07 ago 2021 . Actualizado a las 01:28 h.

Dende a súa formación hai xa un lustro, a evolución de SonDaRúa foi imparable ata o punto que os de Ponteareas son uns dos grupos de rap con maior proxección dentro do que é a escena musical galaica. Esta noite chegan ao SonRías Baixas acompañando no cartel a toda unha lenda deste xénero, Kase.O. «É un dos nosos referentes musicais dende que comezamos a facer música», recoñece Hugo Guezeta.

-Que sensacións tedes de cara este concerto?

-Temos moitas gañas, a verdade. É un festival que é referente no Norte do Estado e ademais de que compartimos cartaz con Kase.O. Estamos a ensaiar moito para poder dar o mellor de nós.

-Fala de Kase.O, que actúe o mesmo día que SonDaRúa é un engadido ou un reto?

-Intentamos afrontalo como se fora un concerto calquera, pero, obviamente, non o é. É un referente. Está considerado practicamente como o mellor rapero de fala hispana da historia e iso marca e aféctate. Haberá uns pouquiños máis de nervios que nun concerto calquera, pero intentaremos gozalo ao máximo. Obviamente, para nós vai ser moi especial actuar esta noite compartindo escenario con el. Tentaremos disfrutalo ao máximo e que sexa unha experiencia moi boa para nós.

-Ademais, chegades ao SonRías Baixas con voso novo traballo, «Eterno combate».

-Si. Lanzámolo o ano pasado en plena pandemia polo que non o puidemos presentar en moitos sitios. No 2020 so tivemos catro ou cinco concertiños polo que temos moitas gañas de poder presentalo ante bastante público. Ao final, nun festival destas características, aínda que haxa aforos limitados e medidas sanitarias, enfróntaste a bastante público. Temos xa gañas de movelo ao máximo e que a xente vexa en directo plasmado o que foi o traballo que fixemos en estudo.

-E cambia moito no directo?

-Non, porque o que buscamos, tanto á hora de compoñer como de facer o directo, é que cada tema fora diferente ao anterior. Buscamos que sexa un show bastante dinámico, con diferentes estilos. Hai no disco un tema reggae, outro que é un rap máis clásico... Pretendemos que o directo sexa tal cal o disco no sentido do dinamismo, que a xente non se aburra, que goce e que o pase ben. Pero, sobre todo, non queremos que sexa un directo plano. Non cambia moito, pero creo que gañamos en directo no eido de que son temas bastante movidos, que é algo que mola á xente.

-Non é un hándicap que o público teña que estar sentado?

-Si, un pouquiño si, porque vou mentir. Hai outros xéneros máis calmadiños que, quizais, se fan mellor a este tipo de formatos. Non é o mesmo para nada, pero temos que adaptarnos á situación que hai e seguir dando caña. Para nós o primeiro concerto foi o máis complicado. Si que cambia á hora de conseguir conectar coa xente. Tes que conseguir movela un pouquiño, aínda que sexa na cadeira. Ao final, todo redúcese a si consegues ou non conectar coa xente. É un formato diferente que, por desgraza, parece que de momento é o que nos toca. Espero que todo vaia ben.

-Podemos adiantar algo do concerto desta noite?

-Imos saír con moita forza. Vai ser un show moi dinámico con moitos estilos de música. O tempo que teñamos, que creo que vai ser unha horiña, vamos a quecer ao máximo a toda a xente que estea esperando para ver logo a Kase.O. Seguro que vai ser un conciertazo cun ambiente máxico porque a xente ten moitas gañas de concertos. Vai ser un concerto épico e que mellor sitio para facelo que o SonRías Baixas.