Medio millón

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OIA

10 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Medio millón de euros custou apagar o incendio de Oia. Ou sexa, 500.000 euros dilapidados en sete días. A 24 horas o día? sae un prezo de 3.000 euros á hora, tendo en conta que se empregan nos traballos medios materiais, mecánicos (aéreos e terrestres) e humanos. Que non faría eu con 3.000 euros? ¡á semana!

Posto que os dirixentes deste país, sexa a rama que estean supervisando, sempre funcionan máis coma xestores ca coma técnicos (sanidade, fomento, cultura? todo se mide en termos económicos, non en coñecementos), fagan o favor de botar contiñas e actuar en consecuencia.

¡Que non se podería facer con medio millón de euros durante todo o ano no tocante a prevención de incendios e traballos forestais! ¿Cantas devasas e limpeza de hectáreas se poderían ter levado a cabo? E xa non contemplo o custo de reforestar os montes, e os anos que tardarán e volver ao estado no que estaban, se é que algunha vez iso pode ser posible.

Había unha canción que dicía: se eu fose rico? Nestes tempos non aspiramos a iso, motivo polo que, con maior razón, habería que pensar qué facer se un tivera estes cartos que estamos a gastar en apagar lumes. E eu usaríaos para prever estas catástrofes e evitar lamentacións. Así, pasarían de gasto a investimento. As contas son moi sinxelas de botar, como acabamos de ver.

Visto que un tanto pode ser ministro de Sanidade ou de Fomento sen importar os coñecementos técnicos, só os económicos, fagan o mesmo no Medio Rural e o Mar. Xestionen os nosos cartiños. Sería suficiente.