A talla da Nosa Señora do Mar de Cedeira inspirou o resto de Galicia
12 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Na segunda década do século XX, a parroquia de Santa María de Cedeira vivía convulsionada debido ás tráxicas consecuencias do afondamento de varios botes pesqueiros que encheron de viúvas e orfos este fermoso recuncho da costa galega. O seu cura párroco, unha das persoas máis preocupadas por tal situación, enchía os días tratando de socorrer ás vítimas máis necesitadas e as noites, razoando sobre a mellor maneira de proporcionarlles consolos espirituais.
Deste xeito, un día dirixiuse cara a Santiago de Compostela co obxecto de manter unha conversa co novo imaxineiro, Xosé Rivas Rodríguez, por medio da cal puidera saír o deseño dunha imaxe da patroa da súa freguesía na que se representara a antedita traxedia marítima, ocorrida nas augas abertas do mar Cantábrico durante unha inesperada galerna.
Froito do deseño conxunto entre o crego e o escultor foi a talla, por este último, dunha fermosísima Virxe con Neno, vestida toda de azul rematada cun manto claro, camiñando sobre as ondas bravías do mar para recoller coa súa man dereita a un náufrago ao que acompañaban outros dous; todos eles, vestidos con roupas de augas de liño, impermeabilizadas con aceite de liñaza e cubrindo as súas cabezas con gorros, denominados «suestes», da mesma tea e impermeabilización.
A nova imaxe foi transportada no ano 1917 dende Santiago ata o peirao da Coruña, onde foi embarcada a bordo do pesqueiro Sotana, cuxo armador era o propio párroco, para que a levara rumbo a Cedeira na compaña doutros barcos dando lugar, desta maneira, a unha das primeiras procesións marítimas de Galicia.
Logo de chegar ao seu destino, o barco quedou varado na praia e, dende ela, a meirande parte dos poboadores de Cedeira, descalzos, recollérona e a procesionaron ata a igrexa parroquial onde, dende esa data, preside o seu retablo maior coa denominación de Nosa Señora do Mar.
Diante do feito da popularización en toda a costa galega do culto á Virxe do Carme, como consecuencia de ser nomeada patroa da Mariña de Guerra por real orde de 19 de abril de 1901 e, o 28 de xuño dese mesmo ano, declarar festivo para todos os mariños o 16 de xullo, data da súa celebración, chegáronlle ao imaxineiro compostelán encargos doutras parroquias costeiras galegas para que tallase imaxes parellas á citada de Cedeira na súa advocación de Virxe de Carme, é dicir, trocando o vestido azul polo hábito marrón da orde monástica das carmelitas cuberto cun escapulario, tamén marrón e outro con cordóns nas mans do Neno Xesús.
Dez anos máis tarde, en 1927, cando contaba con 42 anos de idade, en plena madurez artística, remata as magníficas imaxes da Virxe do Carme mariñeira que lle encargaron desde as parroquias de Baiona e San Martiño de Moaña. Estas dúas imaxes, aínda que existe algunha diferenza entre elas, son especialmente esveltas e moi elaboradas, sobre todo a de Moaña, onde o artista executou un traballo tan fino de policromía que se ollan moito máis as filigranas estofadas sobre o dourado do escapulario grande e do hábito que as súas cores marróns de fondo, dándolle ao observante unha doce sensación de beleza e elegancia clásica á que tamén contribúen as súas grandes dimensións, polo que se pode deducir que se trata dunha magnífica obra de imaxinería relixiosa do século XX.
O escultor Xosé Rivas e os seus fillos tallaron varias imaxes da Virxe Mariñeira ata finais do século XX en que pecharon o seu taller compostelán; deste xeito, converteron o sinalado deseño da patroa de Cedeira nunha iconografía exclusiva do litoral galego, que resplandece durante as procesións marítimas do vindeiro 16 de xullo e nas festas patronais de Cedeira do 15 de agosto.