Os apóstolos da fotografía, tomada a finais dos anos cincuenta, procedían maioritariamente da catequese
30 mar 2015 . Actualizado a las 19:24 h.Intentando facer coincidir esta sección da Memoría de Moaña coas efemérides do calendario, tócamos traer esta semana unha imaxe do domingo de Ramos feita polo fotógrafo local José Gayo Rouco, tomada un par de anos despois da inauguración da igrexa do Carme polo cardeal e arcebispo de Santiago, Fernando Quiroga Palacios en 1961.
A imaxe reflicte perfectamente o momento histórico do estado confesional do nacionalcatolicismo baixo a ditadura de Franco, onde as participacións nas semanas santas eran case obrigatorias e multitudinarias coa suspensión de toda actividade laica. Durante o xoves e venres santo non había sesións de cine, nin de baile, nin de fútbol. As emisoras de radio -daquela non había televisión- emitían música clásica, sacra e algunha marcha militar que outra.
Os apóstolos da fotografía, procedían maioritariamente da catequese, ao igual que Antonio Bernárdez (O Gaiteiro), que facía de Xesucristo, con certo aire tirando ás iconografías relixiosas medievais. As vestimentas compostas por panos da cabeza e por colchas foron amañadas con maestría na costura de Modestiña, persoa de gran fervor católico e que todos os anos se encargaba dese labor.
A procesión saía dende a Praza e ía ata a igrexa do Carme. Xesús ía montado nunha burra, propiedade de Dete, quen se encargaba, case sempre, de colaborar coa aportación do animal. Ademais da procesión de Ramos, os apóstolos participaban na cerimonia de lavado de pés do xoves santo.
En Moaña, o domingo e luns de Pascua festéxanse dende tempos remotos con actos máis lúdicos como é a celebración da primeira romaría do ano, dedicada á virxe dos Remedios e ao Cristo das Boas Augas no monte dos Remedios, antigamente chamado tamén monte da Nosa Señora do Castro, na parroquia de Tirán.
MEMORIA DE MOAÑA Agrupación Cultural Nós