«Lembro todo exactamente igual como se fora hoxe»

J. Santos MOAÑA

MOAÑA

Entrevista |José García Paz, «Pepe Caramuxo» O pasado día 10 cumpríronse cincoenta anos da maior traxedia do sector pesqueiro de Moaña, un naufraxio no que perderon a vida 26 mariñeiros do municipio

17 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?osé García Paz, máis coñecido en Moaña por Pepe Caramuxo, alcume do que fai gala, é un dos numerosos orfos que deixou o naufraxio do Ave del Mar . O seu pai, Alfonso Antonio García Piñeiro, morreu con 46 anos, deixando viuva e dous fillos, Alfonso, o maior, e Pepe, que tiña daquela nove anos. -¿Que recordos ten daquel día? -Lembro todo igual como se fora hoxe, exactamente igual. Parece que non correu o tempo. Tiñamos un albanel traballando na casa, facendo unha reforma. O día antes do naufraxio, meu pai mandáralle a miña nai ir mercar unhas tabletas de cola para misturar co cal para que non mancharan as paredes. Fomos a buscala á de Romero, pero non tiñan. Esperamos ao meu pai diante da cofradía, porque viña coa carreta coas redes do tendal da Xunqueira. A miña nai díxolle que non había cola e o meu pai respondeu: Se non hai cola, vai sen ela. Foron as últimas palabras que lle ouvín. -O naufraxio foi ao día seguinte. -Sí, o día 10 de novembro. A miña nai mandárame a buscar unha botella de amoníaco. Cando baixaba as escaleiras que hai xunto ao concello vello, ouvín a unha señora que vendía alí froita que se fora ao fondo un barco de Moaña. Nada máis ouvila pasoume unha cousa polo corpo, algo que non sei describir, e fun ata a de Paulina rezando para que non fora o barco do meu pai. Ao voltar, cando case estaba chegando á casa, xa sentín os berros da miña familia. - ¿Que sentía naqueles momentos? -Dos primeiros días non recordo nada. Despois sí. Viñan todos os veciños á casa. O meu irmán Alfonso, que andara no Ave del Mar co meu pai, saliu a buscar o corpo e foi o que o recoñeceu cando apareceu aboiado nove ou dez días despois. Lembro tamén cando chegaron nun camión ao cemiterio os doce cadáveres que rescatara John Potter. Pecharan a cancela e non deixaron entrar ás mulleres, que se agarraban as rexas berrando -¿Marcouno a perda do seu pai nesas circunstancias? -Mi madriña, marcoume moitísimo. Polo inesperado, por todo o que houbo ao redor, co camión cos cadáveres, o funeral, o griterío, os desmaios. Aínda hoxe, cando oio dun naufraxio pásame algo polo corpo. Despois, o ir ao orfanato, en Panxón, acaboume de marcar.