Baiona chora a Tourón, «defensor das causas xustas»

Anxo Rodríguez Lemos BAIONA

BAIONA

cedida

Manuel González Álvarez, de O Burgo, faleceu aos 75 anos

16 sep 2021 . Actualizado a las 16:50 h.

Este sábado haberá ausencias, das inxustificables, na asamblea xeral que, con «suculenta comida», organizará a Peña do Pulpo de Baiona. Vén de faltarnos a paciencia, o respecto, a tranquilidade, a bondade, a integridade e a xenerosidade de Manuel González Álvarez. Fillo de Enma e Manolo O Tourón, herdou dos pais a honradez e o amor por Baiona. Do pai, agachado nos valados do Pombal para evitar a entrada das tropas nacionais no Val de Miñor en 1936, recibiu a defensa das causas xustas e aprendeu a palabra calma, ben dita chegada o seu momento, despois de escoitar.

Membro da xunta directiva da Peña do Pulpo de Baiona, comuneiro activo dos montes de Baíña ou defensor dos dereitos do obreiro en Citröen, Lolo O Tourón berrou coa súa vitalidade característica «A Palma é nosa», unha e outra vez, en 1992 en defensa do espazo público en perigo coas obras do aparcamento subterráneo no parque da Palma. No areal de San Esteban, como prefería chamar á mal chamada praia de Santa Marta, perdeuse a súa ollada clara e transparente ao son da estrofa dos defensores da Palma: Adiós, adiós, Baiona de mi vida, al corazón lo siento desmayar, me invadió el dolor de mi partida, a otros sitios me voy a pasear....

Bateu o vento no canabal do río da Maré e tumbou as canas da Ponte do Burgo, como cando xogaba de pequeno, mentres as campás de Santa Marta tentaban escorrentar a tronada. Murcharon os figos chumbos das Laxes do Burgo, diante do Campo do Rato, onde viviu. Embarcaron en gamela as memorias dos vellos albaneis cos que traballou, das obras que rematou con loureiro e do coñecemento toponímico que nos transmitiu dende As Feiriñas, á Sirimba, baixando á Gandarela. Coa súa marcha esvaécese aos poucos o verbo. Deixa construída a mellor das casas.