Exposición sobre Lodeiro en Vigo: «É unha chamada para que non se esquezan del»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

A familia do pintor de Teis e Apo'strophe organizan a mostra, que fai un percorrido por tres décadas de produción

29 sep 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá cumpriranse trinta anos do falecemento de Xosé Telmo Lodeiro. Para conmemorar a data, a familia do artista e Apo'strophe.Arte organizan a exposición Tres décadas de color, que se inaugurará mañá ás 20.00 horas na sala do Centro Comercial Plaza Elíptica. «Fai un percorrido polas súas tres décadas de máxima produción; empeza cando se consolida como pintor», sinala Ruth Lodeira, filla do artista de Teis e, nesta ocasión, comisaria da exposición xunto con Sara Pérez Bello.

As encargadas de trazar o percorrido expositivo iniciaron a recopilación de obras na produción dos anos setenta. «Escollemos tres obras significativas de cada década», apunta a filla de Lodeiro e tamén artista. Dos anos 70 quedan reflectidos os seus inicios na abstracción xeométrica, nun óleo con pedra-mol (1971). Nas outras obras aparece a paisaxe onírica na que os mundos, mares e soles se superpoñen, e a paisaxe erótica, xeométrica e íntima.

A década dos 80 está representada na mostra pola paisaxe interior e o xeometrismo co que entrou en Atlántica. «El non pegaba en Atlántica nin con cola, pero foi unha forma de recoñecer a súa bondade pictórica», explica Ruth Lodeiro. Comple?tase a exposición coa presenza de obras dos anos 90, onde se produce un retorno ás súas orixes.

A importancia so artista

«Esta exposición é unha chamada de atención para que non se esquezan del», sinala Ruth Lodeiro. A tamén artista considera que a obra do seu pai aínda non chegou ao lugar que ela cre que lle corresponde no mundo da arte. Neste aspecto, a familiar do artista se sente un pouco soa na labor de lembrar a importancia artística de Xosé Telmo Lodeiro. «O documental que fixemos foi cousa da familia; de feito, todo o que se fai para que se recorde, facémolo nós e é esgotador», sinala a filla.

Este proxecto expositivo pretende «non só un exercicio de memoria ante a ausencia do artista, senón un berro de vixencia para consolidar a Xosé Lodeiro no lugar que lle corresponde: o dun visionario insubstituíble da vangarda pictórica galega», sinalan as dúas comisarias da exposición. Ruth Lodeiro explica que teñen catalogada toda a obra que pertence á familia, pero que, en ocasións, contacta con ela algunha persoa para falarlle dalgún cadro que non coñece e deixar constancia do mesmo.

A exposición estará en Apo'strophe.Arte ata o vindeiro 5 de outubro. Pódese visitar os luns e venres de 18.00 a 20.00 horas.