A cultura galega certifica a súa saúde na gran festa dos Premios da Crítica en Vigo
VIGO
Os galardóns foron para Lara Dopazo, Belén Ribeiro, Xosé Miguel Andrade Cernadas, o programa Apego do Concello de Pontevedra, Quarteto Quiroga, Chus Martínez, Teatro de Ningures, Manolo González Álvarez, o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e o Festival Carballo Interplay
18 oct 2025 . Actualizado a las 17:28 h.A cultura galega en todas as súas vertentes veuse as caras, executou apertas e estreitou as mans hoxe na sede do centro social Afundación en Vigo, que acolleu a XLVIII edición dos Premios da Crítica de Galicia 2025. A gala de entre dos galardóns que levan a forma dunha peza de Sargadelos xa icónica creada por Díaz Pardo para a primeira edición, foi presentada polo presidente da entidade e exdirector de Edicións Xerais, Manuel Bragado, ante un auditorio ateigado de talento e sabedoría.
Os galardóns foron creados en 1978 en Vigo dende a iniciativa da sociedade civil no Círculo Orensán Vigués, antes da creación das instituticións autonómicas, coa intención de recoñecer cada ano a excelencia da creación cultural galega nos eidos da literatura, música e artes da representación. Na actualidade son xa dez as modalidades destes galardóns honoríficos tan prezados: Creación Literaria, Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, Iniciativas Culturais e Científicas, Música, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais, Cultura Gastronómica e Cultura Dixital. Sete xurados para cada especialidade decidiron que os merecían a escritora de Marín Lara Dopazo en creación literaria; Belén Ribeiro en Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, Xosé Miguel Andrade Cernadas en Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades; Apego, o programa do Concello de Pontevedra en Iniciativas Culturais e Científicas; o Quarteto Quiroga en Música; a comisaria de arte coruñesa Chus Martínez en Artes Plásticas; a compañía de Cangas Teatro de Ningures en Artes Escénicas; Manolo González Álvarez en Cine e Artes Audiovisuais; o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra en Cultura Gastronómica e o Festival Carballo Interplay en Cultura Dixital foron as individualidades e colectivos galardoados.
No evento houbo un momento moi especial adicado a Luis Marconi Suárez, membro da asociación e primeiro secretario da mesma.