O grupo presenta o seu novo disco ás 20.00 horas no Garaxeland de Santiago de Compostela
19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Escoitar Caras no Lume é unha viaxe por varios estilos musicais. Un mergullo pola traxectoria dun rapaz que naceu entre as melodías dunha guitarra clásica. O novo disco de Lontras, o grupo vigués que naceu do soño de Juan Arca e dos seus compañeiros Sunil López e Zalo Rodríguez, ten temas que se saborean dende o cariño e o talento construído en longas xornadas de conservatorio e de busca individual. Son unha nova nota nunha xeración de novos artistas galegos que exploran novos estilos, que fan da tradición un trampolín para novas cancións. O seu estilo é difícil de atopar na música contemporánea galega. Hai ecos de cantautores como Chico Buarque o Rodrigo Amarante e de grupo como Wilco ou Radiohead. Son «unha curiosa xénese entre o jazz, a indietrónica, a canción ibérica, a música clásica contemporánea e o pop alternativo», din.
Caras no Lume, que se presenta hoxe ás 20.00 horas no Garaxeland de Santiago de Compostela, é tamén a gran aposta de Juan Arca. Rematou os seus estudos e tocou decidir o que ía facer coa súa vida. «Quixen tomar en serio a música. Tratar de apostar por este camiño», explica. Chegou a pandemia e el aproveitou para experimentar e buscar as melodías que lle presentou a Zalo e a Sunil para sacar adiante Lontras. «Gastei bastante pasta e horas en producir as cancións», indica. Tamén deixou horas e horas no traballo que non se ve como produción, distribución, redes sociais, subir as cancións e buscar, tamén, un selo que decidira apostar polo soño de Lontras.
«E chegou Raso Estudio», di Arca. «Foi un balón de osíxeno. Eles fan moitos dos traballos que antes tiña que facer eu. Agora pode centrarme máis na música», conta. A súa fichaxe tamén é unha aposta do selo no que tamén están Baiuca, Antía Muíño ou Ruiseñora. «Lontras é unha rara avis no pop galego contemporáneo. Son un proxecto no que as influencias do indie folk conectan coa canción alternativa de autor», destacan desde Raso Estudio. «A nosa música está feita con moita honestidade. É unha amalgama de estilos que beben de moitas cousas que me chamaron a atención», continúa.
O 27 de setembro Lontras presentará o seu disco cun concerto no Líceo Mutante de Pontevedra ás 20.30. «Tamén estamos tratando de atopar un espazo en Vigo. É a nosa cidade e fai moita ilusión tocar alí», di Juan, o compositor dun grupo que suma máis talento e variedade na nova música galega.