Luis Taibo, o irmán de Victoriano que musicaba Galicia en México

Pedro Rodríguez
Pedro Rodríguez GONDOMAR / LA VOZ

VIGO

Alberto Cancela - A Central Folque

Alberto Cancela presenta hoxe o libro sobre o artista en Gondomar

23 may 2025 . Actualizado a las 13:38 h.

En Gondomar levan anos reclamando que Victoriano Taibo, o escritor que tamén foi mestre na parroquia de Morgadáns, sexa homenaxeado cun Día das Letras Galegas. Na vila do Val Miñor saben ben do legado literario dun escritor ao que Concello, Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) e Editoral Galaxia adican un premio de poesía co seu nome. Este será entregado o sábado ás 19.30 horas, pero antes o IEM acollerá hoxe ás 20.00 horas na súa sede en Gondomar a presentación do libro Taibo. Verso libre da música galega (A Central Folque), co que Alberto Cancela recupera do descoñecemento da historia a figura do irmán de Victoriano, Luís Taibo, médico e un dos músicos máis relevantes da Galicia na primeira metade do século pasado.

«Foi unha persoa moi recoñecida en vida, pero coa súa morte en México perdeuse gran parte da súa obra e do seu legado», explica Cancela, que cando comezou a investigar sobre Luís Taibo (Santiago de Compostela, 1877 ? México D.F. 1954) levou «unha sorpresa tremenda». Descubriu a un artista que transitaba entre a música e a medicina. Era o cuarto irmán dunha familia na que Victoriano era o máis pequeno. Tamén era o que cantaba mellor. Os seus pais metérono no coro da catedral da Santiago de Compostela con oito anos. Alí aprendeu tamén a tocar o órgano e o piano e namorou dun oficio que nunca volvería abandonar. Xa de mozo comezou a estudar mediciña e tamén a gañar os seus primeiros premios musicais. «Gañou certames non que Tomás Bretón e Barbieri eran parte do xurado. Iso xa daba pistas sobre o seu talento», continúa Cancela.

Taibo traballaba no hospital de Santiago, pero en 1908 decide migrar a México para buscar unha maior estabilidade. Alí pasou o resto da súa vida. Converteuse nun médico de prestixio en todo o país como deixan ver varias crónicas xornalísticas que recolleu Cancela. Tamén continuou a facer música e converteuse nun referente para os artistas de cámara no país. «Nas súas composición tamén descubrimos que Taibo é un dos referentes do nacionalismo musical galego», explica o escritor. Este é un estilo vangardista que se desenvolveu en todo o mundo e que consistía en levar a música culta a tradición popular. «A súa Suite Galaica, publicada en Vigo por DosAcordes, é un exemplo deste estilo», conta.

Luís Taibo pasou os seus últimos anos de vida moi enfermo. Desexaba volver a Galicia, pero non foi capaz. Faleceu na capital de México e hoxe non se conserva ningunha lápida del. Toda a súa obra quedou a cargo do que era o seu axente, pero, malia a insistencia de Victoriano Taibo por conseguila, gran parte do seu legado perdeuse no tempo. Por iso, dalgunha maneira, Alberto Cancela volveu a súa figura. «Como é posible que unha persoa que fixo tantas cousas de valor non sexa coñecida aquí?», preguntábase mentres facía o libro. «Hai que destacar o seu legado», insiste. Por iso, no IEM tamén decidiron que terá tamén a súa pequena homenaxe na entrega do premio Victoriano Taibo de mañá.