A Fundación que leva o nome do artista de Lalín expón sete pequenas obras realizadas por Otero Abeledo cando tiña entre 18 e 20 anos
03 ago 2023 . Actualizado a las 13:40 h.«Aínda estaba xogando co ensaio-erro», explica Javier Pérez Buján para referirse ás sete obras de Laxeiro que expón a fundación que leva o nome do artista de Lalín baixo o título Laxeiro, paisaxes de adolescencia. É a primeira vez que se poden ver estas obras. É froito da xa longa traxectoria desta institución viguesa. «Xa logramos que a xente veña a nós con obras do artista e, as veces, aparecen cousas tan deliciosas como estas», engade o director artístico da Fundación Laxeiro. Explica que este proxecto é posibles grazas á colaboración de coleccionistas particulares que, de forma desinteresada, cederon as súas obras para o goce do público, «nun xesto de sensibilidade e xenerosidade mediante o que, por uns meses, posibilitan borrar o límite entre o ámbito público e o privado, conscientes do valor patrimonial das súas coleccións».
A singularidade do proxecto expositivo radica no momento no que foron realizadas as pezas, cando José Otero Abeledo (Lalín, 1908 - Vigo, 1996) tiña entre 18 e 20 anos, pouco despois de regresar de La Habana e decide facerse barbeiro ambulante en Lalín para evitar os traballos agrícolas. «Nos seus recorridos por aquelas terras, Laxeiro vai pintando todo o que lle interesa; son cousas que despois desenvolverá, aínda que é un principiante que está adecuando a súa mirada a que logo sería a súa obra», sinala Pérez Buján.
É un momento de pintura de apuntes de campo no que deixa constancia do que ve ao seu arredor. «Nestas obras se ve a un artista de acción, pouco reflexivo e de debuxante convulsivo, no que se recoñece nas tarefas manuais agrícolas», afirma o director artístico da Fundación. «Estamos por tanto, ante ensaios de liña, de cor e de composición. Exercicios de selección do encadramento nos que o tema aínda non era unha preocupación e o seu futuro como artista, aínda era unha incógnita, un desexo incerto que o mozo pintor alimentaba de forma autodidacta, cunha vontade inquebrantable», conclue Javier Pérez Buján.
A exposición destas pezas, feitas a lapis, carbón e acuarela sobre papel, estará aberta na Fundación Laxeiro de Vigo (Policarpo Sanz, 15, 3º) ata o 15 de outubro.