«Ferrín está destinado a ser reinterpretado constantemente»

O Ateneo Atlántico estrea hoxe un documental que abrangue distintos aspectos do escritor


Vigo

O Ateneo Atlántico presenta hoxe, nos Multicines Norte ás 19.45 horas, o documental Os Mundos de Xosé Luís Méndez Ferrín. O traballo foi dirixido, montado e guionizado por Manuel Forcadela, quen contou na dirección de de fotografía con Anxo Cabada Álvarez e na gravación de son con Antón Davila.

-¿Cal foi a idea orixinal?

-O documental forma parte dun proxecto máis ambicioso enfocado a cubrir, dende un punto de vista historiográfico, todo o ámbito da esquerda rupturista en Galicia. Consideramos que a figura de Ferrín podería ser unha das películas posibles porque é unha das figuras emblemáticas deste proxecto.

-¿Como afrontaron o proxecto?

-É un filme, máis o menos, convencional, pero, ao tempo, ten algo de particular. Está feito en base a distintas liñas. Por un lado, está a parte biográfica; outra que é interpretativa, porque afonda no significado da súa figura dentro da nosa historia contemporánea; e a derradeira, afronta o Ferrín creador literario, animador cultural e político.

-¿Está vencellado o documental a aquelas xornadas dedicadas polo Ateneo Atlántico a Ferrín?

-O proxecto era aínda máis amplo porque queriamos facer unha conmemoración do seu 80 aniversario que culminaría cunha exposición. O documental empezouse a gravar porque pensabamos que dentro da exposición tería o seu lugar. De tal maneira que empezamos a gravar entrevistas ao redor da súa figura moito máis longas do que aparecen no documental; tivemos que extractar moito de cada un dos entrevistados.

-¿Que estrutura ten o filme?

-É unha especie de viaxe na que somos atendidos por Xosé Manuel Beiras, que actúa como guía na viaxe polas distintas épocas. Dende o punto de vista estrutural, aspira a ser clásico, no sentido do cine clásico.

-¿Que criterios estableceron para elixir á xente entrevistada?

-Por unha banda primaron criterios de calidade, pero tamén de pragmatismo. Podería haber moitas máis persoas e se non están foi por problemas de axenda delas. Fixemos unha película moi barata, eu diría que de custe cero porque botamos man dos amigos.

-¿Está todo dito de Ferrín?

-É unha figura xa clásica dentro da nosa historia e como todas as grandes figuras está destinada a ser reinterpretada constantemente. Nós intentamos dar unha certa composición desa figura, pero creemos que está aberta a moitísimas outras lecturas.

-¿O documental quedou haxiográfico ou é crítico?

-É un coro de persoas moi distintas, que van dende o fan que case non o coñece ata a persoas que practicamente son irmáns de xeración e de vivencias. Nós contribuímos, por unha banda, a crear o fantasma, pero, por outra, tamén a desentrañalo. Entón, eu creo que o que sae de conxunto é unha figura moi humana, case tenra, sometida, obviamente, as súas propias contradicións e avatares da existencia.

-¿Hai novos pasos neses proxecto máis global que falaba antes?

-Temos bastantes proxectos. Agora estou traballando nun filme ao redor de Ánxel Huete; isto é un xeito de enfocar as marxes, dirixir a ollada cara a aqueles lugares que normalmente non están no que se chama a actualidade dos medios de comunicación.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Ferrín está destinado a ser reinterpretado constantemente»