Nico Rodríguez: «A medalla olímpica é o soño e a meta»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

VIGO

CEDIDA

O triunfo en Estados Unidos confirma que a preparación do vigués é a correcta ás portas da primera selección da federación española

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nico Rodríguez (Vigo, 1991) vén de gañar formando equipo con Jordi Xammar a medalla de ouro na Copa do Mundo de Miami na clase olímpica 470. Un éxito que, engadido ao terceiro posto o campionato de Estados Unidos da categoría, confirma que a parella está no bo camiño a dous meses vista de afrontar o primeiro dos dous controis da Federación Española de Vela para decidir as tripulacións de cara aos Xogos de Toquio 2020. Eles xa clasificaron o barco a tempada pasada en Dinamarca e se cheguen a cita universal non se conformarán con participar. Xa pensan en subir ao podio olímpico.

-Como senta o ouro na Copa do Mundo de Miami?

-Foi unha semana moi dura na que non comezamos ben, non tivemos unha boa estrea, pero fomos de menos a máis e con constancia ao final o resultado moi perfecto. Quedamos moi contentos coa nosa evolución. Ademais, este triunfo chegou dez días despois de ser terceiros no campionato norteamericano, o que significa que non foi unha vitoria puntual nunha competición, senón que dous podios no mesmo mes é para estar moi contento.

-Isto significa que están no bo camiño en canto a preparación?

-Este era o primeiro mes logo dunha longa pretempada e a verdade é que estamos moi ledos porque temos máis claro que o camiño é o acertado, pero só queda seguir traballando.

-Notan a evolución dende que empezaron os dous (con Jordi Xammar) no mesmo barco?

-Dende logo. Hai moita máis compenetración, xa nos coñecemos mellor, os roles están cada vez máis definidos e cada vez funcionamos mellor como equipo.

-En que percibe que están mellorando?

-Tecnicamente melloramos moito agora. Por exemplo en Miami fixemos todo o que debiamos nunha regata con pouco vento e logo tacticamente tamén estamos moito mellor, pero eu creo que a nosa marxe de mellora é ilimitada.

-E de Miami a Xapón para adestrar.

-Este mes ímonos para alí para estar dúas semanas co equipo nacional xaponés nunha concentración con eles e logo xa toca ir a Palma de Mallorca para o Princesa Sofía que temos na primeira semana de abril e que é a primeira regata clasificatoria de cara aos Xogos Olímpicos segundo os criterios da federación. A outra regata será o Campionato do Mundo en agosto onde van a ser os Xogos. Estamos nunha posición favorable xa que é criterio técnico pero estas regatas son de avaliación e temos que pasar por este proceso.

-Tendo en conta os resultados non debería existir moita dúbida.

-Estamos moi contentos pero isto é deporte e ás veces estás arriba e outras abaixo. Este ano o importante é estar sempre aí e se chegamos aos Xogos creo que imos a ser uns rivais a ter en conta.

-Empezan a pensar en medalla olímpica?

-A medalla olímpica é o noso soño e a nosa meta. Imos a loitar por chegar ese día á medal race na loita polas medallas, pero hai que seguir traballando porque as cousas non veñen por si soas.

-Están competindo cos seus rivais en Toquio e estanlle gañando.

-En Estados Unidos estaban todos menos o australiano, que non veu, pero o resto de equipos estaban todos. En Miami era unha proba na que todo o mundo ía con ganas e era unha regata a ter en conta. A verdade é que estamos traballando moi ben.

-Como se leva tanto tempo fóra da casa?

-Ben porque as familias o entender e o impulsan e así todo é máis doado. Hai que seguir traballando e xa haberá tempo de estar na casa máis adiante.