Palacios, constructor de Madrid


Este foi o epígrafe da exposición celebrada no Círculo de Belas Artes no ano 2001, na que se lle recoñecía a Antonio Palacios a súa valiosa contribución á transformación de Madrid en cidade moderna e cosmopolita. Esta importante mostra, da que foron comisarios Gonzalo e Jacobo Armero, puxo fin a un proceso de recuperación da obra do porriñés, marcada por un inxusto esquecemento e unha rigorosa crítica. A esa nova valoración contribuíu tamén a rehabilitación dalgúns dos seus edificios emblemáticos, en especial a transformación de Correos no Pazo de Cibeles e o traslado do Instituto Cervantes ao antigo Banco do Río da Prata.

A obra de Palacios preséntase complexa e de difícil lectura pola gran cantidade de referencias que acumula, nun momento de gran confusionismo no seo da arquitectura española. A súa variedade, ás veces contraditoria, responde dende un punto de vista creativo e persoal ás demandas da sociedade do seu tempo. O Pazo de Comunicacións (1904-1918), exhibe no exterior unha linguaxe neoprateresca acorde coa seu carácter institucional, mentres no interior esconde unha decidida procura de funcionalidade co emprego do ferro e do cristal expostos con total sinceridade. A alusión historicista está xustificada no ambiente de desencanto provocado polo desastre cubano de 1898 que invitaba a miradas nostálxicas a un pasado glorioso. O Hospital de Maudes (1908-1916) representa unha aposta por una obra altamente creativa, na que os orixinais tratamentos pétreos e cerámicos anticipan solucións que na posterior obra galega alcanzarán unha virulencia expresionista. Palacios obtiña recursos plásticos dun proceso artesanal que o escaso desenvolvemento industrial e tecnolóxico impoñía á arquitectura.

A contribución de Palacios non se pode limitar a significativas obras do Madrid moderno, senón tamén aos edificios comerciais. Quizás sexa este un dos aspectos máis descoñecidos da súa achega, pero un dos máis destacados, tanto pola importancia dos inmobles legados, como pola profunda influencia que exerceu nos seus compañeiros. Esa etapa iníciase en 1910 co proxecto do citado Banco Español do Río da Prata no que dirixe unha mirada á arquitectura americana derivada da Escola de Chicago. Define un tipo de edificio comercial de depurado clasicismo que emprega como esquema compositivo unha orde xigante que percorre a fachada, actuando o último andar como falso entaboamento. Outro fito destacado na modernización de Madrid foi a construción do Círculo de Belas Artes (1919-1926), una nova proposta que, sen renunciar a elementos do eclecticismo clasicista, se sitúa no ámbito do art déco. Nesa modernización non se debe esquecer a súa participación no deseño das estacións, edificios de servizo e accesos da primeira liña do metropolitano.

Quizais pouco saiban que Antonio Palacios deixou constancia da súa condición de galego na transformación de Madrid. Ao deseñar o escudo de España do actual Pazo de Cibeles inseriu no seu centro o cáliz e as sete cruces do de Galicia. Alí permanecen dende que o canteiro executou a obra.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Palacios, constructor de Madrid