O historiador do Calvario substitúe a Martín Curty na dirección do IEV
22 nov 2011 . Actualizado a las 11:31 h.No medio dos graves problemas que ten o Instituto de Estudios Vigueses, Xoán Carlos Abad Gallego substitúe na dirección a José Antonio Martín Curty.
-¿Cal é a razón do cambio?
-O actual director tiña problemas persoais e laborais que lle impedían continuar e tocoume a min substituílo. É unha situación transitoria.
-Pero viamos a Martín Curty un pouco desmoralizado.
-Unha cousa non quita a outra. Dentro do colectivo as cousas oscilan entre os que están desmoralizados, os que estaban cabreados e os que non saben como pode rematar isto. O peor é non ter certeza de nada, nin para ben nin para mal.
-¿Cal é o seu primeiro escollo?
-Como persoas podemos continuar aínda que non teñamos local, o gran problema é que o instituto ten recompilado na súa historia arquivos, libros, etc. Iso, non podemos levalo con nós as cafeterías, como di Curty. Temos unha obriga ademais cos que confiaron no instituto para depositar os seus arquivos. É unha cuestión diferentes do funcionamento posterior. Temos que ver se o Concello mantén o papel que tiña e se de algún xeito se plantexa algo máis ou non.
-¿Contemplan a posibilidade de refundar o instituto?
-Refundación, non, pero estudamos un cambio de formato xurídico. A partir do 31 de decembro, teoricamente a nosa personalidade xurídica cambia porque ata agora viña a través da fundación. Estamos a espera de ver cal é a idea que ten o Concello. Cando nacemos, o fixemos cun acordo; uns que iamos traballar pola memoria da cidade e Concello comprometíase a apoiarnos. Queremos supoñer que terán algunha idea.
-Pero non dan sinais de vida.
-Supoño que terán que dalos antes do 31 de decembro porque ademais temos que levar a cabo o traslado e iso é moito máis que unha obriga moral, porque é un acordo plenario. Supoño que ten que haber algún tipo de resposta, aínda que sexa revocar aquel acordo plenario.
-¿Non lles dá pena estar nos medios de comunicación por estas liortas?
-Parece que estamos en medio dun combate político, recibindo tortas por situarnos nunha zona intermedia, porque outro tipo de loitas supoño que non deberían ser.
-¿Cantos membros hai agora no instituto?
-Vinteún. Está parada a ampliación porque non son momentos para embarcar a máis xente neste drama no que estamos metidos.
-¿Canto custa o Instituto?
-Para o que é a publicación de obras estamos traballando de forma conxelada dende hai no sei cantos anos con 35.000 euros. Despois está o local e tiñamos unha administrativa, que a pagaba a fundación.
-¿Hai portas nas que chamar?
-Ás que seguimos a chamar son as que teñen que abrirse para nos escoitar. Volvimos a enviar outra carta á alcaldía lembrándolle as circunstancias nas que estamos e o tempo que corre rapidamente.
xOÁN CARLOS ABAD GALLEGO DIRECTOR DEL INSTITUTO DE ESTUDIOS VIGUESES