«As bandas de música e o folk vivían de costas»

VIGO

O compositor vigués estreou esta semana o «Concerto de Chapela»

01 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu o pasado xoves un concerto da Banda Municipal de Pontevedra e o grupo de folk Crema de Gaita. O compositor vigués Ernesto Campos, membro de Crema de Gaita puido estrear o Concerto de Chapela , a primeira composición que se fai para unha banda de música e un grupo folk. -¿Como xurdiu o proxecto? -Eu xa colaboraba coa banda de Pontevedra. Tocaban cousas miñas pero orquestradas por Xosé Luís Represas, e a funcionaba ben. Por outra banda, xa hai anos que eu estou en Crema de Gaita, e falamos da posibilidade de mesturar ambas formacións para facer folk sinfónico, o termo que acuñamos. O problema é que non había música composta para estas agrupacións. Aínda que sempre se poden adaptar cousas, non funciona igual. En novembro, retomamos a idea e comecei a compoñer; eu non quería facer unha peza senón un concerto con tres movementos. O Concerto de Chapela está pensado para unha agrupación musical folk solista, Crema de Gaita, e unha banda. -¿Por que non se ten feito antes algo similar? -Ata hai uns anos, as bandas de música estaban de costas ao folk. Pode que ninguén tivera a idea porque a banda de música precisa ter todo escrito, e no mundo do folk hai moi pouco escrito. O único papel que non escribimos para o concerto de onte foi o do noso batería. -¿Que dificultades atopou? -Tiña medo á coherencia do noso baixo eléctrico e os baixos da banda, que son as tubas. Nas partes onde tocaban xuntos, fixemos unha melodía moi clara, un estilo concertante, de diálogo entre as diferentes partes. Por outra banda, está a percusión, pero por sorte o noso batería é excelente e estudou a parte da percusión da banda. -Non era esta a única estrea do concerto. -Si, estaba Luces do Atlántico , unha peza para gaita e banda, que no seu momento só se estreou na variante gaita e piano. Por certo que o Concerto de Chapela está dedicado a familia do noso gaiteiro Marcos Campos, fillo de Benigno Campos. -¿Hai posibilidades de gravar este concerto? -¡Se puidéramos repetilo xa sería bastante! Ninguén do grupo cobrou nada por tocar o xoves. Para mover este converto precisas que unha banda te contrate, e aí estamos abertos a calquera tipo de contratación, como por exemplo traelo para Vigo. É unha magoa que sendo o compositor e o grupo de Vigo non se poida escoitar aquí. Este concerto só podes facelo en Caixanova ou en Castrelos. -Vostede compoñen por encarga. ¿Como funciona? -Cando fas unha obra por encomenda, quen encarga explica a instrumentación que manexa e o grado de eficacia técnica que ten, así como os seus gustos. -¿Como está agora Crema de Gaita? -Estamos preparando o segundo disco. Estamos preparando as preproducións, é dicir, estamos gravando ensaios para ver como funcionan as novas composicións. Seguiremos na mesma liña do traballo anterior, un pouco de fusión con música latina, algo que nos gusta.