Vigo sigue a liderar a rebelión. Tras a expedición de castigo comandada por Maucunne, que sementou a morte en toda a provincia de Tui a finais de abril, comeza un tempo de calma. Os franceses xa renuncian a desprazarse máis ao sur de Pontevedra, e os vigueses aproveitan estas datas para reorganizarse e preparar a ofensiva final. Nesta laboura, será fundamental o apoio británico.
Inglaterra xa seguía con interese os acontecementos de Galicia desde comezos de ano. A retirada do exército do xeneral Moore, desde A Coruña e Vigo, era nova de primeira páxina nos xornais de Londres. The Times mesmo tiña un correspondente radicado en Galicia, Henry Crabb Robinson, que publicaba crónicas regulares sobre a evolución da guerra. «O noso exército está en retirada, por empregar unha expresión agradable», escribía en xaneiro en The Times nunha da súas últimas crónicas, antes de ter que fuxir a Londres, «tanto en dirección a Vigo como a este lugar (A Coruña); a meirande parte dos transportes están en Vigo, pero enviáronse despachos por terra emprazándolles a este porto por ser o destino da retirada: ¡Qué alarmante é a nosa posición!».
As crónicas de Crabb Robinson, a comezos de 1809, minan a moral dos ingleses, que ven cómo Napoleón esmaga ao seu exército na Península. Só uns meses antes, cando a Xunta de Galicia enviou como «embaixadores» aos deputados Sangro e Freire, en petición de axuda militar, os británicos aínda confiaban en que a resistencia galega puidese ser a súa cabeza de ponte no continente fronte aos franceses. Pero, tras a retirada de Moore, lemos nos xornais ingleses crónicas e artigos moi pesimistas. Todo mudará a partires do 28 de marzo, coa Reconquista de Vigo.
Coa victoria viguesa, os ingleses comprobaron que era posible prantarlle cara a Napoleón só con axudar militarmente á poboación local. A presenza das fragatas Lively e Venus na ría de Vigo durante a rebelión foi determinante. E así, tras tantas malas novas, non é de estrañar a ledicia con que The Times narra, nun artigo do 14 de abril, a «gloriosa Reconquista de Vigo».
«Non podemos deixar de repetir a gloriosa reconquista de Vigo -escribe o xornal londinense-, que certamente debe facer perigosa a situación das tropas francesas en Portugal. Non coñecemos mellor ocasión para aledarnos máis na confirmación das nosas opinións, que con esta exhibición de ardente patriotismo no Reino de Galicia (...) O noso entusiasmo increméntase ao considerar que unha forza naval británica xogou un honorable papel na rendición de Vigo; e nos confiaron a salvagarda e custodia dos presos da guarnición capturados, que ascendían a mil trescentos homes».
A partires de abril, a opinión pública inglesa pasa a estar con Galicia. Tamén en The Times lemos as crónicas das sesións da Cámara dos Lores, que inclúen exaltadas intervencións pedindo máis axuda militar para a rebelión que comezou en Vigo. É así como os británicos deciden enviar máis buques, armas e pertrechos cara ao porto vigués, xa liberado, y colaborar así decisivamente na victoria definitiva en Ponte Sampaio.
Ás fragatas Lively e Venus, fondeadas en Vigo, únense outras, repartidas pola costa galega. Especialmente activas serán a Endimion e a Loira, que actúan en Muros e Noia. Ademais, chegan lanchas canoneiras, que serán vitais nos enfrontamentos próximos á beiramar, xa que darán o apoio de artillería necesario para enfrontarse aos franceses.
O espírito a axuda británica queda reflectido nas palabras escritas polo vicealmirante inglés Berkley, comandante da Armada Británica na Península, que publicou unha proclama aos Habitantes de Galicia, datada en Lisboa. No seu escrito, eloxiaba a xesta de Vigo e prometía axuda constante: «Habitantes de Galicia: O tirano da Francia manifestou ao Universo que o seu Exército conquistou a España, e que o fermoso Reino de Galicia recibiu ás súas tropas como Irmáns, que gozades da maior tranquilidade, e sodes felices. Tales son as falsidades que divulga o pérfido Napoleón», escribe Berkley.
O mando inglés continúa: «Así é que Vigo enarborou outra vez as bandeiras do seu lexítimo soberano. O auxilio, que as forzas Navais do Rei o meu Amo deron a aqueles habitantes, repetirase sempre que calquera outra costa ou rada de España pida ou necesite ser socorrida e axudada. E as bandeiras Española e Inglesa tremolarán xuntas e voarán nos vosos portos a despeito do Corso, que os usurpou».
Berkley remata cunha promesa firme de que os ingleses van prestar aos galegos toda a axuda posible na súa loita contra os invasores franceses: «Namentres procurade que a Orde e a tranquilidade pública reinen entre vos, que se forme un plan de operacións, e que este plan se observe relixiosamente. Unha tal conducta pode soamente asegurarvos da Victoria e da esperanza de arroxar pronto ao Inimigo fóra da vosa patria. Tendo tomado o meu Goberno todas as medidas necesarias para asistir aos vosos magnánimos esforzos, eu prométovos que farei pola miña banda canto sexa posible, para dar o máis exacto cumprimento a aquelas ordes, e para que os meus desexos e os vosos sexan coroados co mellor éxito».
A dominadora dos mares
As palabras do vicealmirante Berkley sen dúbida tranquilizaron aos rebeldes, que desde a victoria en Vigo contan co respaldo absoluto de Inglaterra, que tras a batalla de Trafalgar é xa a grande dominadora dos mares, cunha superioridade case tan clara como a que Napoleón ten cos seus exércitos en terra.
En Vigo, desde que se confirma este apoio, xa non se tomarán decisións sen contar cos capitáns Coutts-Crawford e MacKinley, comandantes das dúas fragatas británicas. O gobernador Cachamuíña segue a tentar devolver a normalidade á vila, ao tempo que reforza as súas defensas. Pero son Morillo, Colombo e outros mandos militares os que comezan a preparar a batalla definitiva que xa se ve inminente.
Resta un mes para a victoria en Ponte Sampaio, que suporá derrota do mariscal Ney -O Rubicundo, O valente entre os valentes-, e a retirada final dos franceses tras somentes seis meses en Galicia.
Nesa batalla decisiva, o esforzo dos galegos, a valentía dos paisanos, a imaxinación e determinación duns combatentes sen experiencia nin grandes medios, estará reforzada de novo polas tropas británicas e pola Armada do rey Xurxo.