Galicia envía embaixadores

VIGO

14 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A amizade dos ingleses convértese nunha lucrativa novidade para os vigueses, despois de moitos anos acosando á flota mercante británica e sufrindo, en consecuencia, un bloque naval constante en estas costas, só aliviado pola esporádica presencia de buques da armada franco-española, en patrulla polo litoral galego.

A preocupación en Vigo, a finais de 1808, é total. Todos dan por segura a invasión das tropas napoleónicas e, malia diversas manifestacións de entusiasmo popular, a realidade é que todos coñecen que as posibilidades de resistencia son moi limitadas. Mentres se toman medidas militares, tamén comeza una ofensiva diplomática, para tentar de gañar as maiores bazas cara a guerra que xa se considera inminente.

As primeiras iniciativas diplomáticas comezan no verán de 1808. Os galegos seguen alleos á guerra, que se libra na Meseta e en Portugal. É por iso que hai tempo para outros preparativos, como restablecer as relacións con Inglaterra.

O 3 de agosto, unha carta desde Vigo informa á Rexencia do Reino, en Sevilla, de que a paz con Londres está a resultar beneficiosa, por canto reactívase o comercio, paralizado polo bloqueo que a poderosa armada inglesa mantivo nestas costas mentres España era aliada de Francia.

Ademais, a Xunta de Galicia envía a Londres a dous deputados, os señores Freire e Manuel Sangro. Estes emisarios asinan a paz con Inglaterra por conta do Reino de Galicia, e non de España, do mesmo xeito que o fan os representantes que envían outros reinos, como os de Asturias ou Valencia.

A chamada Guerra da Independencia foi obxecto dun intencionado abuso ideolóxico, querendo ver nela unha mostra patriótica española, monárquica, militarista e dun carácter unitario do Estado. Os feitos, teimudos, veñen desmentir estas versións tan estendidas e tan cantadas en vibrantes poemas. Sirva, como primeiro exemplo, que tanto a guerra como a diplomacia debeu exercelas cada rexión pola súa propia conta, sen autoridade central sólida, sen goberno, e constituídas en xuntas autónomas e, a cotío, en litixio coas demais.

Daniel Yépez Pedra, investigador da Universidade Autónoma de Barcelona, estudou a relación das xuntas con Inglaterra e defíneas así: «Cando os primeiros británicos desembarcaron en España atopáronse co desenvolvemento de todo o fenómeno xunteiro. Creáronse as primeiras Xuntas a nivel local, pero a inercia levou á necesidade de vencellarse unhas poboacións con outras en Xuntas que abranguesen máis territorio e máis recursos. Esa situación deu paso ás primeiras Xuntas provinciais, que se converteron nos interlocutores dos británicos, e que controlaron ás Xuntas locais. Charles R. Vaughan comentaba o caso galego onde todas as cidades galegas crearon a súa Xunta case ao mesmo tempo, pero a autoridade suprema asumiuna a Xunta establecida na Coruña o 30 de maio, constituída por un delegado dos «rexedores de cada goberno municipal das sete provincias de Galicia».

Os ingleses non tiveron máis opción que admitir aos galegos como interlocutores de si mesmos, do mesmo xeito que a cada unha das outras xuntas. Yépez Pedra abunda no tema, explicando a sorpresa inicial en Londres: «No exterior buscaron contactar co Reino Unido. As Xuntas de Asturias, Galicia e Sevilla enviaron representantes a Londres e demostraron que non estaban dispostas a colaborar entre elas, aínda que os británicos presionaron para que isto acontecese. A falta dun organismo central, Canning [Lord Canning, ministro de Exteriores británico] tivo que recoñecer ás Xuntas como interlocutores válidos nas negociacións que permitirían a intervención británica en España. A Xunta asturiana enviou como representantes a Londres ao Vizconde de Matarrosa, futuro Conde de Toreno, e a Andrés Ángel de la Vega Infanzón, que sempre destacou polo súa anglofilia. Galicia enviou como representante a Manuel F. Sangro. As Xuntas de Granada e de Sevilla utilizaron a proximidade de Xibraltar para contactar co goberno británico a través do seu gobernador, Sir Hew Dalrymple. A Xunta sevillana enviou, ademais, a dous membros da alta xerarquía militar, o almirante Juan Ruiz de Apodaca, que se converteu no primeiro embaixador español, e o mariscal Adrián Jácome».

Os deputados Sangro e Freire obtiveron grandes éxitos en Londres. O primeiro instalouse en Inglaterra co cargo de «Enviado Oficial do Reino de Galicia», naquel momento algo semellante a un embaixador, mentres que o segundo logrou regresar con prisioneiros galegos que permanecían alí, xunto a armamento, municións, uniformes e un pequena fortuna dun millón de duros.

Tan estupendas noticias son recibidas con xúbilo en Vigo. E, máis aínda, a decisión do goberno inglés de sinalar á ría viguesa como o mellor escenario para desembarcar tropas, dar abrigo á flota e abastecer de pertrechos aos guerrilleiros galegos. Así o certifica Lord Wellington nun despacho do 21 de xullo de 1808, tras o que comezan a chegar regularmente á cidade navíos ingleses, en escala cara a Portugal, onde os británicos están a guerrear contra os franceses de Junot.

Este acordo será o que permitirá recalar na ría de Vigo ás fragatas Venus e Libely, como veremos en entregas sucesivas. Ambos os dous navíos serán fundamentais para a Reconquista e a posterior expulsión dos invasores napoleónicos de Galicia.

Pero o recobrado optimismo volverá durar moi pouco. As novas, cara a final de ano, falan dos éxitos de Napoleón, á fronte dos seus exércitos, en toda a Península. E, cara a decembro, narran a terrible retirada das tropas británicas do xeneral Moore, que foxen en dirección a Galicia, acosadas polos franceses, traendo directamente a guerra a este reino.

O futuro inmediato é escuro, pero os froitos das negociacións dos embaixadores galegos serán determinantes nos próximos meses. A designación de Vigo como porto de entrada de subministros británicos facilitará a resistencia que comezará en Galicia a partires do mes de febreiro. A labor diplomática desenrolada ao longo do ano 1808 revelarase como fundamental ante os tempos terribles que se aproximan.