Ola a todas, ola a todos. E aquí andamos outra volta máis. Antes de comezar coa obra que vimos hoxe quixera aproveitar este pequeno balcón que me permite desde un pouco máis alto, manifestar a miña desconformidade coa triste realidade de que o FIOT apenas ten maior alcance que o ámbito bergantiñán. Veño da Coruña en ninguén sabía nada de tal evento; e falo de xente interesada pola cultura. Se o outro lado desta xanela, hai quen de poñer remedio a isto, que por favor o faga. ¡Non é xusto! O noso festival que se está facendo máis grande ano tras ano, segue a ser un descoñecido en Galicia.
Secadra precisamos un xefe de prensa, ou que os Mass Media nos presten unha pouca máis de atención. E logo dista reivindicación, falemos de Anfitrión. A compañía Talía, de Cee (Talía é o nome da musa da comedia), seica debe ser unha das máis coñecidas dos nosos veciños e veciñas, pola proximidade e polo seu intenso labor no eido do teatro (teatro vén de theatron= ver, en grego). Artur Trillo é o excelso capitán que sen fatiga, pelexa sen parar para facernos máis amantes do teatro. Grazas Trillo.
Cándido Pazó
Desta vez, a peza escollida foi unha versión realizada e dirixida por outro dos grandes do teatro e da comedia: Cándido Pazó. Dicir que Cándido, estaba no miolo da compañía de teatro Ollomol Tranvía, que tan excelentes obras ten feito. Nunca esquecerei a obra Un xoguete para Goldoni. Pasou case desapercibida por Carballo, un día da semana dentro dos actos culturais dunha concellería de cultura carballesa. Cine Rega, entrada gratuíta. Non fun capaz de atopar a ninguén que a quixera ver. Levara un premio en París. Así que con esa curiosidade e a estraña combinación Ollomol Tranvía-Talía, viña eu ó Pazo da Cultura este venres. Sobre un fondo esfarrapado, uns dez personaxes tentan dar vida á culta obra de Plauto. O contraste é máximo: obras dos clásicos gregos representadas por indixentes, por mendigos, desfeitas humanas. A posta en escena é bastante aceptable, especialmente a iluminación; o fondo musical, en cambio, nin se fai ver. O que máis destaca e outro contraste, o da interpretación máis que excelente dos actores e actrices. Cada un deles ten a súa propia alma, moi diferenciada á dos demais, pero que se complementan moi adecuadamente. Chamáronme a atención case todos: o que facía de Anfitrión, o que facía de Zeus, Sosias, e Mercurio. Inmellorable a súa expresión corporal.
A muller de Anfitrión
Sorprendeume a actriz que dá vida a Alcmene, muller de Anfitrión, que parece que está drogada a maioría, a inmensa maioría do tempo (ó comezo) que fica sentada nun sitio calquera do escenario. Fixeime nela: mentres os demais degraían o seu papel, ela alí, calada, con cara de ida, interpretando calada, como debe ser. Para min que se potenciaron as habelencias de cada un deles e en conxunto, fan un grupo moi harmonioso e estético. Moi ben, moi ben. Poñédelle a todo isto, uns diálogos áxiles, agudos e enxeñosos e... Á terceira gargallada, a compañía xa tiña ó público no peto. É así como se fai. Aínda que a veces hai que sudalo. ?¡Que no se rompa la noche, por favor, que no se rompaaaaaaa!?. Trucos do teatro: todos á rolos polo chan!. Por se alguén non se decatara, Cándido Pazó, veu de contacontos varias veces ó FIOT. E é moi bo, pero vexo que aínda é mellor como director. E non o digo só pola obra de hoxe. Que ninguén se moleste se non cadra coa súa opinión. E só iso: a miña opinión. Cun final moi elegante por parte do ?parvo?, remata a obra. Tiña máis cousas que contar, pero acabóuseme o papel. Benvidas e benvidos ao FIOT-08.