O galego é a lingua máis veloz

Jorge Lamas redac.vigo@lavoz.es

VIGO

Chámase Correlinguas e é unha carreira infantil e xuvenil que ten por obxectivo promover o uso do galego todo o ano. Por iso, engadíronlle o lema: En galego cabe todo. Onte chegou a Vigo. Na praza do Rei xuntáronse tres mil rapaces para percorrer o treito que a separa do parque de Castrelos. Na saída, o tenente de alcalde Santiago Domínguez e a concelleira de Normalización Lingüística Iolanda animaron aos rapaces a vivir en galego. «En galego pódese ler, escribir, facer deporte e ata ligar», sinalou o tenente de alcalde, quen tamén animou aos participantes a pedirlle aos seus pais e profesores o uso do galego nas súas diferentes actividades. Na edición deste ano participaron 35 centros escolares de Vigo, O Porriño, Mos, Moaña, Cangas e As Neves, dos que 471 escolares pertencen a educación infantil, 1.698 a educación primaria, e 846 a secundaria. Xa no parque de Castrelos, onde tivo lugar a lectura do manifesto Correlingua 2008, os rapaces e rapazas puideron gozar coas actuacións musicais e teatrais previstas, ademais de recibir un agasallo para lembrar o día.

Cando un chega á xubilación ten que procurarse a actividade máis axeitada para manterse activo. Este é o obxectivo do programa de avellentamento activo da Concellería de Benestar Social, que onte foi presentado no Centro Cívico do Casco Vello. Nesta iniciativa, que se leva a cabo en seis asociacións de veciños, na Cruz Vermella, na Escola Municipal de Danza e no Pavillón Municipal de As Travesas, están xa inscritas máis de mil persoas nun total de catorce actividades, dende obradoiros de memoria ata musicoterapia, ximnasia, baile ou natación.

Alumnos da Escola de Imaxe e Son de Vigo están a gravar estes días unha curtametraxe titulada K.O. que vai de boxeo. Onte estiveron no ximnasio Saudade, berce dos grandes púxiles vigueses. A curta, que está dirixida por Germán Pérez, contou coa participación dos actores David Bendito e Xosé Manuel Oliveira, «Pico». A historia fala do fracaso e as relacións humanas. Iago Taboada asumiu as tarefas de dirección fotográfica e o profesor Alfredo García asesorou a os seus alumnos.

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información e a Federación Veciñal Eduardo Chao veñen de crear un blogue na Internet para promocionar o patrimonio histórico e cultural de Vigo. Neste espazo, os promotores pretenden que os vigueses remitan as súas fotografías antigas da cidade para que toda a cidadanía poda coñecer como era a nosa cidade hai anos. Os interesados en participar desta idea terán que enviar as fotos ao enderezo electrónico iria.vigo@sociedadedainformacion.eu, acompañada dunha breve explicación da imaxe. As persoas que non teñan medios de dixitalización poden levar as fotos á Federación Veciñal, na praza da Princesa, 7, de luns a mércores, en horario de 9 a 14 horas.