Unha coprodución que poderá verse en escenarios de Xixón, Barcelona e Sevilla

La Voz

VIGO

27 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O novo espectáculo do Centro Coreográfico Galego é unha coprodución deste organismo, dependente da Consellería de Cultura, con Laboral Escena, de Xixón. Por este motivo, explicou Ánxela Bugallo, o espectáculo poderá verse na cidade asturiana e despois «no Mercat de las Flores, de Barcelona, e no Teatro Central de Sevilla, nesa intención de proxectar cada vez máis estes espectáculos». Antes de saír fóra de Galicia, o Kiosco das almas perdidas estará no Teatro Rosalía de Castro os días 1 e 2 de marzo. En Vigo, no centro cultural Caixanova, poderá verse os días 7 e 8; en Pontevedra, o día 13, e en Vilagarcía, o 15. En cada unha destas representacións, a música en directo estará a cargo de Mercedes Peón, que onte cualificaba o feito como «un suicidio artístico en cada lugar». «Fago unhas perfomance que nunca quero facer», dixo. Salientou que, musicalmente, só contará cun colaborador, «Xosé Lois Romero, un acordeonista fantástico que mantén unha unión de intensidade grande comigo e tamén cos bailaríns». Con todo isto, anuncia, «pode pasar calquera cousa».