Entrevista | Roberto Mera Despois de dezasete anos exercendo a oposición en Ponteareas o voceiro nacionalista adicarase a traballar cos 80 novos concellos galegos onde goberna o seu grupo
16 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?ando Roberto Mera tomou as rendas do BNG en Ponteareas, a dereita era a dona do municipio da man de Pepe Castro e apenas había apoio nas urnas para o seu grupo. Dezasete anos despois, o voceiro marcha da política municipal deixando un partido apoiado por máis de 3.500 votantes e que foi a forza que conseguiu o maior número de apoios nas últimas eleccións. Con optimismo e ilusión para traballar polo BNG, Roberto Mera cambia de camiño pero non de rumbo. - ¿Cando tomou a decisión? -As eleccións foron determinantes para tomar esta decisión. O avance dos nacionalistas deixou unha situación inédita e agora gobernamos en soidade ou en coalición en 80 gobernos. Como responsable municipal con estes resultados véxome na obriga de dedicarlle máis traballo ao meu posto na executiva nacional. Non marcho, só cambio de responsabilidades no BNG. Se quedo en Ponteareas non tería tempo de loitar na oposición, de acudir e seguir o día a día, e como forza máis votada teño esa responsabilidade cos veciños que apoiaron ao grupo. - ¿Que cambios haberá no grupo municipal? -Á fronte quedará xente moi eficaz e con moita rodaxe. Bolívar González, concelleiro dende 1995, será o portavoz e Sandra Araúxo a viceportavoz. Ademais, Francisco Abalde será o responsable local dos nacionalistas. -¿Que balance fai da súa traxectoria na política de Ponteareas? -O balance é moi positivo, temos seis concelleiros e fomos a forza máis votada nas pasadas municipais. Hai moi boas expectativas para conseguir nas próximas eleccións o apoio suficiente para gobernar en Ponteareas. Fai falla un traballo constante e diario, dedicarse en exclusiva ao concello para non defraudar a todos os veciños que nos apoiaron nestes últimos anos. - ¿Cales son os seus augurios para o goberno de coalición actual? -Non imos facer política de ciencia ficción falando do que pode ou non pasar pero temos moi claro que é un pacto nacido na inestabilidade. Estes próximos catro anos anos estarán moi abertos e todo é posible, dende a tranquilidade durante toda a lexislatura ata que haxa convulsións, só hai que remitirse ao pasado. Á marxe de que haxa compromisos o certo é que hai un cambio do goberno no ecuador da lexislatura xa que cambia a alcaldía e isto é un panorama anormal. -¿Cambiará a estratexia do BNG cara as seguintes eleccións? -Imos seguir traballando como sempre, o escenario é o mesmo dende Hai tres anos. Levamos traballando moito na oposición e seguiremos na mesma liña. Os problemas que ten Ponteareas seguen a ser os mesmos que nestes últimos tempos, así que os nosos esforzos van no mesmo camiño.