O CDG reflexiona sobre o uso dunha praza de garaxe

La Voz

VIGO

Teatro | A piragua

16 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

conta cómo na reunión da comunidade de propietarios dun edificio, un propietario protesta porque hai un veciño que ten unha piragua na súa praza de garaxe. A comunidade divídese en dous pareceres: nin os estatutos da comunidade nin a Lei de Propiedade Horizontal din nada sobre o uso específico das prazas de garaxe. Acompañando á comunidade no desenvolvemento desta desavinza, que se prolonga durante varios días, imos descubrindo que nun dos pisos está a desencadearse unha situación de violencia doméstica. É unha situación que sempre existiu dunha maneira máis ou menos larvada pero que ultimamente está intensificándose, ou cobrando máis visibilidade, debido á nova actitude da vítima. Trátase dunha muller que, farta de aguantar, e ante unha progresiva toma de conciencia, decide enfrontarse para establecer unhas novas regras de xogo: as cousas poden e deben ser doutra maneira. Esta obra foi escrita e dirixida por Cándido Pazó. Como dramaturgo residente do Centro Dramático Galego, Cándido Pazó foi o encargado de escribir e dirixir a terceira das producións da tempada 2006-2007, unha obra que ten como liña argumental principal a violencia doméstica. Coa escrita desta peza preténdese crear unha experiencia de ir enfiando, a partir dunha simple anécdota, un discurso dramático que leve ao espectador a descubrir a liña argumental esencial, a cal finalmente xustifica e aquilata a proposta escénica. O Centro Dramático Galego, compañía de teatro adscrita á Xunta de Galicia, comezou a súa traxectoria en 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega. Foi en 1991 cando a compañía pública se presentou diante dos espectadores como centro artístico de produción do Igaem. A súa última representación foi Tarará-Chis-Pum (2007), da compañía Artello Teatro Alla Scala 1:5.