Reportaxe | A modernidade da tradición Mercedes Peón volve a votar man da sonoridade dalgunhas expresións galegas para titular o seu novo disco, que hoxe vai ser presentado en Vigo
13 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?ercedes Peón xa ten rematado o seu terceiro traballo. O teatro do Centro Cultural Caixanova é o escenario elixido por esta coruñesa, que vive en Oza dos Ríos, para amosar o resultado final. Trátase dunha estrea, polo que se require valentía, saber e a pequena axuda dos amigos. «Para esta ocasión virá de París a miña amiga a italiana Silvia Mondino que tocará o violín, e dende Fradelo, na montaña ourensana, virá un grupo de trinta bombos», adianta Mercedes Peón. O disco titulase Sihá , que é o xeito que teñen en Malpica de dicir «si, oh». Este disco foi feito ao longo de ano e medio, aínda que Mercedes só convocase aos músicos durante dous días. Outra cousa é o directo, que precisa un traballo especial. «Eu estiven facendo os arranxos para a banda minuciosamente. Primeiro ensaiei co batería e o guitarrista, logo introducín o sampler, logo o baixo e o clarinete. E para o final deixei os meus arranxos. A formación dos directos será de batería, baixo, guitarra, acordeón, dúas gaitas, clarinete e teclados, sampler». Mercedes Peón deixou o listón moi alto nas dúas anteriores entradas no mercado discográfico, e media Europa descubriu un xeito de afrontar a música tradicional dende a modernidade máis absoluta. «A música tradicional non se pode renovar, renovase soa, e non pode ser unha persoa que sube a un escenario e cobra por elo, e que está na casa creando e mesturando músicas quen renove a tradición», dicía esta mesma semana neste xornal. Mistura Neste disco, Mercedes Peón fai un percorrido moi interesante por diferentes estados de ánimo, misturando pingas de tradición, moito gusto e modernidade, sempre baixo a mesma idea: «A miña música é música de compositor, cunha autoestima cultural que me sae polas orellas». Este respecto pola cultura galega tamén está presente na súa relación con Galicia. «A miña relación con Galicia é unha vivenza, nunca espero nada. Agora ben, eu recibin moito cariño da xente, algo que ven dado polo traballo que facía na televisión, porque me vían falar con aquela estima e respecto dos nosos costumes », recoñece. O concerto comezará as 22.30 horas, e as entradas oscilan entre os 12 euros da zona de butaca, a os 9 que custa o terceiro anfiteatro.