Unha das áreas cubriría a zona da Madroa e a outra estaría centrada no O Maúxo As propiedades da mancomunidade viguesa conteñen máis de cen xacementos
16 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Agora que a Xunta de Galicia certificou a creación dunha rede arqueolóxica galega, da que quedou excluído Vigo e os seu entorno, a Mancomunidade de Montes de Vigo propón a creación de dous parques arqueolóxicos no término municipal vigués, e varios ruteiros arqueolóxicos. Os redactores do informe Vacaloura, incluído no proxecto Natureza Viva recollen máis de cen xacementos de diversa índole espallados ao longo do cinturón verde que rodea a cidade. Coa a idea de tirarlle rendabilidade máis alá da simple explotación madeireira, o informe propón a creación dun parque, que denominan Parque arqueolóxico dos montes da Madroa, Vixiador e Penide, que se estendería polos municipios de Vigo e Redondela. Na parte viguesa se integrarían os montes de Teis, Cabral e Candeán. En Redondela, entrarían as parroquias de Trasmañó, Cabeiro e Negros. Neste conxunto, establécese un percorrido prehistórico e arqueolóxico, dende o neolítico (3.000 anos antes de Cristo) ata a etapa final da cultura castrexa e o proceso de romanización (século I despois de Cristo). Os redactores subliñan as boas comunicacións existentes para chegar á zona que integrarían o citado parque arqueolóxico, que consisten maioritariamente en estradas asfaltadas e, só ocasionalmente, pistas forestais de terra ben conservadas. O contido patrimonial deste parque comezaría cos túmulos megalíticos funerarios pertencente a un período que vai dende os 3.000 aos 1.800 antes de Cristo; seguiría co conxunto de petroglifos localizados nas parroquias redondeláns de Trasmañó, Cabeiro e Negros (datan do 2.000 antes de Cristo); e completaríase con varios castros datados entre o século VI a. de C. al século I. Petroglifos O segundo parque proposto sitúase no monte Maúxo, a cabalo entre Vigo e Nigrán. Este parque estaría dedicado monograficamente á arte rupestre prehistórica, datada entre o ano 2.000 e o 1.500 antes de Cristo. Dentro deste parque teríamos un extraordinario conxunto de estacións de gravados rupestres que proporcionarían unha excelente visión deste tipo de manifestacións culturais e artísticas. O Concello de Vigo, xa hai algún tempo, tentou sen conseguilo incluír este monte na área arqueolóxica de Campo Lameiro, que formará parte da rede galega de arqueoloxía.