A Deputación de Pontevedra subvencionará durante o 2006 con 232.500 euros os cursos dirixidos a mulleres realizados por 149 asociacións de mulleres da provincia mediante o programa de axudas para Asociacións de Mulleres Sen Fins de Lucro. Este programa, no que se inclúen cursos específicos que poidan facilitar o acceso das alumnas ó mundo laboral, recibiu durante o prazo de presentación máis de 140 solicitudes de asociacións que cumprían coas bases. Os cursos que se van a poñer en marcha a través deste programa de axudas son moi variados, aínda que todos eles están orientados cara a mellora da capacitación laboral das mulleres que se inscriban. Algúns dos máis solicitados son os de tapicería, informática, restauración de mobles, cociña ou elaboración de licores, aínda que tamén hai asociacións que solicitaron cursos como o de corte e confección, axuda a domicilio, repostería ou tamén albanelería. No referente á comarca de Pontevedra, a través deste programa otorgaranse subvencións para 29 cursos. As temáticas máis solicitadas son tapicería, cociña e informática. En total, a Deputación concederá unha subvención de 35.900 euros.