Un novo depósito de 1.600 metros cúbicos de capacidade garantirá o servicio de auga O presuposto das obras de reforzo da rede ascenden a 280.000 euros
11 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A Administración Autonómica financiará, con 280.012,6 euros, as obras de reforzo da rede de abastecemento de auga do Rosal. Así se recolle no expediente aprobado onte polo Consello da Xunta, no que se autoriza á Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos a financiar os traballos. As obras obedecen á necesidade de mellorar o abastecemento de auga da parroquia de Santa Marina, que na actualidade presenta notables deficiencias debido á súa antigüidade e ó elevado número de acometidas realizadas. O problema principal é a baixa calidade do servicio, que conta con máis de vinte anos de antigüidade. Esta rede parte do depósito de Martín, de 1.500 metros cúbicos de capacidade, o que, xunto coas características dos tubos de conducción, impide que nos momentos de máximo consumo a auga chegue a tódolos usuarios nas debidas condicións de presión e caudal. Por tal motivo, o Concello pretende construir un novo depósito, de 1.600 metros cúbicos de capacidade e que estará comunicado coa rede de abastecemento mediante unha dobre construcción de polietileno.