NATUREZA DE AQUÍ E DE ALÍ
05 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.PARECE que segundo pasa o tempo a nosa memoria fraquea e o recordo que temos non sempre se axusta á realidade dos feitos. Así, resulta frecuente escoitar que antes, e ese antes, indeterminado, pode abarcar tanto vintecinco anos como coirenta ou máis, había bastantes máis paxaros que agora. Como tódalas xeneralidades que a miúdo nos din, son verdade en parte, e mentira, mesmamente, pois nese intervalo no que a vida nos fai mudar de xoves a vellos, unhas especies progresaron, como testemuñaban na escola, adecuadamente, e outras, pola contra, minguaron os seus efectivos a ollos vista. Entre as que se souberon adaptar ós novos tempos están a gaivota patiamarela, o corvo común, a pega rabilonga, o corvo mariño cristado ou galo de mar, a cegoña branca, a rola turca, o curroxo común, etc. As que se viron afectadas polo mesmo vórtice da vida hainas grandes e pequenas, insectívoras e carniceiras, habitantes dos bosques, das veigas, das montañas, das gándaras e mesmamente das cidades e vilas. En ocasións, resulta difícil albisca-los mecanismos que fan medrar a unhas e minguar a outras, pois os humanos, coa súa intelixencia, non son capaces de acha-las razóns obxectivas destes cambios, nin tampouco conseguen dar coas claves cando se producen inversións nestas mesmas tendencias, aínda que sempre hai xente que por falar, din, axiña e sen pensar, absolutamente de todo. Hoxe, certas especies galegas e falamos, entón, do voitre branco, pita do monte, arao común, alcaraván, cuco, ouriolo, etc. e non necesariamente por este orde de exposición, están seriamente ameazadas. Outras, como as andoriñas das vilas, diminúen alarmantemente, en silencio, sen que ninguén alerte. Cada un pode argumenta-lo que quixer, pois xa se sabe que cando se xuntan tres ornitólogos confrontan como mínimo catro ou cinco opinións diferentes, todas defendidas con apaixonamento e con papeis que certifican que a razón os acompaña. Ademais, non tódalas aves obedecen ós mesmos mecanismos e o que favorece a unhas, pode, moi ben, prexudicar a outras. Pasa, no reino animal, mesmamente como na especie humana: uns son triunfadores «per se», naceron vencendo. Outros con menos recursos, teñen diminuídas as súas facultades para saíren airosos e, ás veces, gañan, pero outras moitas, perden no intento. Hainos, tamén, sen futuro ningún, vencidos de antemán polo infortunio. É nesta palabra que o diccionario define acertadamente como sorte desditada ou fortuna adversa, resúmese a súa desgraciada e curta vida.