OPINIÓN | O |
10 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A NIVEL xeral, observamos nas formas do consello de administración do Celta neste asunto unha inquietante confusión entre os ámbitos do público e do privado que pode distorsionar a opinión de muitos cidadáns. O Celta, ao igual que os demáis clubes da súa categoría, hai anos que deixou de ser unha sociedade sen ánimo de lucro para se convertir nunha sociedade anónima deportiva, isto é, unha empresa privada con orzamentos e salarios excepcionais en relación ao seu cadro de persoal. Ista sociedade anónima ten xa cedidos pola cidade o uso de Balaídos, os campos da Madroa e o custoso mantenemento integral desas instalacións. Resulta obvio que, no plano emocional, o Celta «é máis que unha empresa» e de aí que estes privilexios, aínda que discutibeis e revisabeis, sexan consentidos por parte da cidadanía. Dende a federación vecinal, sen embargo, consideramos que desta situación de feito non pode derivar o abuso e continua chantaxe sentimental polo que se está conducindo o consello de administración celeste. Na presente polémica, a das reformas do estadio de Balaídos para a Champions, a actitude de enfrentamento co Concello mantida polo Celta non resiste a mínima análise: A UEFA vaílle entregar ao clube, e non ao municipio, mil millóns de pesetas. Dado que quen paga manda, obriga a realizar reformas no estadio por valor de vintecinco, unha cantidade perfectamente asumible polo Celta. Non pode deixar de chamarnos a atención o feito de que o Celta pretenda trasladar, de xeito insolente, este gasto a todos os cidadáns por medio dos orzamentos municipais ou provinciais. Teñamos en conta que as reformar demandadas pola Uefa, que son a cambio dos mil millóns exclusivos para o Celta, están destinadas únicamente o desfrute ocasional dos membros da propia organización e para servizo e comodidade dos que, a súa vez, manteñen a mesma Uefa. Nengún abonado do Celta terá acceso a estes lugares. O Celta, unha empresa sufragada xa en boa parte por tódolos vigueses, non está lexitimado nesta ocasión, e muito menos da forma arrogante en que o fixo, para esixirlle con estes fins un só euro ao Concello ou ás administracións públicas. A federación vecinal ten claro que, amparándose no nome do Celta, estamos diante duna caprichosa e inxustificada petición de investimento público para fines privados e exclusivistas. Neste senso, que a Deputación provincial, outra administración pública, aporte finalmente o diñeiro non modifica en absoluto esta percepción. Esta entidade ben podería ter invertido ese diñero na promoción, por exemplo, do deporte base. É inevitable non percibir en todo isto un arrecendo e favoritismo entre amigos. O sentimento celtista é patrimonio de muitos vigueses. Os ingresos específicos que xera a sociedade anónima, pola contra, pertencen a un limitadísimo grupo. Esta diferencia ten que ficar ben clara e non admite discusión.