A Deputación editou o libro de A Cepa «Historia fotográfica de Cangas do século XX», que mostra cómo evolucionou o concello nos últimos cen anos
23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O Cangas do 2003 pouco ten que ver co de mediados do século XX. Hai edificacións ou xardíns onde antes había mar e praias; edificios de catro, cinco e máis alturas nos solares que ocupaban construccións tradicionais de baixo e piso. Xa non se miran mulleres carrexando baldes de auga na cabeza; mariñeiros e redeiras tendendo os aparellos en Rodeira; traballadores descuartizando baleas en Salgueirón, as mulleres preparando e enlatando conservas en Cervera, Azpeitia ou Massó. Xa non se secan os polbos ou as zapatas nos tendedeiros nin se mazan nas escaleiras dos peiraos. Cambiaron moitas cousas; tantas, que podería decirse que o Cangas de fai 50 anos e o de hoxe, son pobos distintos. A asociación cultural A Cepa ofrece una extensa mostra deste cambio no libro que acaba de editar a Deputación: «Historia fotográfica de Cangas do século XX». O libro conta cunhas 300 fotografías, a máis antiga, de finais do XIX e a máis recente, dos anos 90. Acompañando as imaxes se insertaron breves textos explicativos; retazos da vida, os costumes, as xentes, os traballos, as festas, os deportes ou as tradicións. As fotos son do arquivo de A Cepa, que conta, según calcula Xosé Luis Lorenzo, a persoa que coordina o traballo gráfico do colectivo, cunhas 3.000 fotografías, case todas cedidas por particulares. Entre os fotógrafos destacan Ramón Ocaña, Benigno Grimar «O moreno», Llanos, Serrano, Ksado, Pacheco, Pintos e moitos profesionais de prensa ou anónimos que percorrían as festas da bisbarra. Contenidos O libro se estructura en tres apartados, a vila, as xentes» e o mar. Unha introducción de Fernando Cuñarro da pe a una serie de fotos panorámicas e da arquitectura máis emblemática. Paco Mallo explica a evolución urbanística. É a partir dos 60 cando comenza «o proceso de reforma e destrucción» do patrimonio, tanto de edificios como os pavimentos. No apartado de As xentes aparece desde a primeira dotación da Guardia Civil, en 1925; ata personaxes como Luis O cañón , José Vilas, o poeta e refinado carterista Serafín, o municipal Evangelio Paredes, Pilar González na primeira cociña do restaurante Simón ou José Tievo Pepiño o coheteiro . Hai unha pequena sección dedicada a escritores e artistas na que aparecen Castroviejo con Bernardino Graña, Ángel Botello, Xoán Piñeiro no seu taller, Manolo Coia, Laxeiro e Camaño Xestido con Vázquez Pintor. Cristina del Río introduce unha sección dedicada ás mulleres. Aparecen xornaleiras, redeiras ou lavandeiras. O libro recolle tamén fotos de diversos colectivos, de homenaxes, das autoridades, soldados na Guerra Civil, mulleres da Sección Femenina; das bandas de música, dos nenos nas escolas, dos equipos de fútbol, das conserveiras, a pesca, as artes e naufraxios; do Balonmán Cangas no seu ascenso a Asobal ou dos conflictos da contribución e da pesca.