O acordo demanda á Xunta que se fixen os tempos máximos das listas de espera A proposición foi aprobada por unanimidade no transcurso do último pleno ordinario
31 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.A A corporación local de A Guarda aprobou por unanimidade a moción presentada polo BNG encamiñada a esixir a mellora da Sanidade Pública mediante a regulación das listas de espera. A voceira do BNG, Rosa Darriba, sinalou que para ir da consulta primaria á especializada, a cita tarda aproximadamente, tres meses e para unha proba diagnóstica, catro meses. Estes datos supoñen segundo o seu partido que, engadindo outros catro para que dean o resultado da proba, e seis máis para unha posible intervención, precísase máis dun ano para que todo o proceso. A moción recolle que o Sergas, «para camuflar a realidade xoga cos pacientes, servíndose de distintos métodos que os cidadáns non debemos tolerar, como telefonear e comunicarlle o paciente que a lista na que desexa estar incluido está fechada ou acudir ó médico cunha cita e non ser atendidos porque ese día o facultativo está ocupado noutras consultas». Os ediles asistentes (cinco do PP, tres do PSOE e dous do BNG) aprobaron o acordo para esixir á Xunta que adopte as medidas necesarias para que, tanto na rede Primaria como na Especializada, os usuarios poidan solicitar a inclusión inmediata na lista de espera, «impedindo a actual disculpa das listas pechadas». O Concello demandará que se fixen os tempos máximos para as distintas patoloxías, consultas e probas, conforme ó protocolo da Comisión Interministerial e as recomendacións da OMS.