Carbonell entre cante e cante

Camilo Franco CANGAS

VIGO

PACO TORRENTE

Pablo Carbonell é un tipo teatral. É por eso que estivo en Cangas porque o seu espectáculo é, en realidade, un concerto con algunhas pausas para o show . A presencia de Carbonell estivo precedida no auditorio polo pregón de Morris, quen deu algunhas pistas sobre a utilidade universal do teatro e sobre a miragre da xeografia máis inmediata: foi aparecendo nos colexios a medida que avanzaba a democracia. Como o teatro, case. Pablo Carbonell é un cantante simpático, ten esas ocurrencias divertidas que, se non son espontáneas de todo, o parecen, se non son orixinais de todo non importa e se non son políticamente correctas, mellor que mellor. O concerto tería merecido ser un desenchufado porque se algo pasou foi que as letras entendíanse perfectamente cando Carbonell cantaba só coa guitarra, pero había moitas máis dificultades para entendelo cando tocaba o grupo completo. Fóra deso, incómodo porque o espectador sempre pensa que perde as frases boas, os tres músicos que acompañan a Carbonell asaltan co mesmo interés a musica lixeira que a música pesada. Sen problemas. Carbonell canta, primeiro, logo conta algúns chistes, logo refire algunha historia e logo volve cantar. Con Aceitunas y estrellas anda a dar a coñecer o seu primeiro disco en solitario, unha xira na periferia de Operación Trifunfo e que, como no caso do último paseo de Julio Iglesias por Sanxenxo está destinada a auditorios pequenos. Os auditorios son sempre agradecidos aínda que no caso de Cangas contrasta esa elegancia nórdica do patio de butacas e do escenario cos aturuxos gamberros do cantante, aínda que é de coñecemento público que os arquitectos nunca teñen en conta os destinos dos seus edificios (e se non que llo pregunten a quen teña que descargar material no de Cangas). A Carbonell tíralle o asunto do rock and roll no caso de que exista, porque podería ter feito este mesmo espectáculo el só, como o cantautor plasta que afirma ser: desafinando como no mellor momento de Bob Dylan e vacilando coa peor das mellores intencións ós espectadores. Pero se eres cantautor, como demostra Aute, non podes bailar e a Carbonell vaille o estilo Jagger in the bar así que un pouco de caña sonora completa o cadro da caña humorística das letras. O concerto, claro, pois coas cancións novas: bastante divertidas, algunhas mesmo dignas de ser recordadas, algunhas para epatar e outras directamente para quedar ben en directo. El último mono de la Nasa o El Bluesman , destacan. Logo unha volta por Toreros Muertos e as inevitables como Mi agüita amarilla que sobrevivie e algunha que outra broma sobre clásicos: Let it be e My way.