Mañá terá lugar a xornada de degustación na Praza Maior do municipio Cabezudos e grupos folclóricos amenizarán a xornada festiva
13 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.O Concello de A Cañiza celebra mañá a festa de degustación do manxar típico da zona: o xamón. Esta será a trixesimosexta edición da «Festa-feira do xamón». No ano 1966 varios comerciantes e empresarios da zona coa colaboración da corporación municipal puxeron en marcha esta festa gastronómica co obxectivo de promocionar o producto máis afamado deste municipio. Segundo afirman os expertos neste campo, o microclima desta zona permite un excelente nivel de curación do xamón e dos productos cárnicos. Por outra banda, este acto servía como reclamo para converter á Cañiza nun referente de visita obrigada na época estival. Dende ese momento a comisión de festas comezou a traballar para conseguir os seus obxectivos. A creación de infraestructuras como distintas piscinas, un camping, pistas de deportes, miradores ou áreas de recreo foron un factor determinante para acondicionar ó municipio ás necesidades dos turistas e visitantes. No ano 1991 incluíse no programa da festa unha novidade: un bocadillo xigante de catro metros de longo con capacidade para unha docena de kilos de xamón. Esta particular iniciativa mantívose ata o 1994, ano no que se abandonou a idea. Aínda así, apostouse por unha «procesión» de carros típicos do país, acompañados por mozos vestidos para a ocasión e grupos folclóricos, que son os encargados de portar as bandexas de xamón dende a Casa Consistorial ata a Praza Maior para dar inicio á xornada de degustación. Nestes últimos días, o Concello promoveu distintas actividades culturais como anticipo ás xornadas grandes da feira, entre as que destacaron a actuación do grupo folk «Mutenrohi» ou o Concerto Coral do Socio, no que participaron agrupacións de toda a rexión. Mañá a partires das once na Praza Maior poderánse adquirir os vales por 2,50 euros que dan dereito á consumición de variadas tapas de xamón. Pola tarde, disputaráse o «Torneo de fútbol Festa do Xamón» no campo do Vieiro. As orquestras «Impacto» e «Isla» actuarán ata ben entrada a noite para poñer o punto e final a esta xornada.