FESTIVO

La Voz

VIGO

CAMILO FRANCO ENTREACTO

09 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cómico e festivo son os apelidos da Mostra de teatro de Cangas que finalizou na madrugada dominical. A Mostra despediuse cun espectáculo que confirma ese talante animado, extrovertido, aínda que non necesariamente ben acabado dos espectáculos. Vagalume mesturou un punto de humor relaxado con esas parodias apocalípticas sobre os infernos, os fins do mundo e demais paisaxes revestidas de coiros. A compañía andaluza tiña a gracia fácil e andaba algo escasa das cousas que se esperan desas intervencións nas rúas: que o lume sirva para algo máis que iluminar e que en cada unha das escenas haxa, cando menos, un pouco de malabarismo. Neste aspecto, a Mostra deste ano foi cambiando de xénero sen saír dos amplios territorios da risa, xogando coas cousas do humor e das variacións e cumprindo cunha certa tarefa de demostrar ata onde pode chegar as fronteiras do divertimento. De cabaret a narración oral, de comedia ata as intervencións na rúa, o arco foi amplo aínda que non moi riguroso en canto á calidade media das montaxes. Por aí, a Mostra cumpriu cos cometidos de animar as rúas e de levar o teatro máis cerca da xente, aínda que certamente con respecto a edicións anteriores a altura dos espectáculos foi algo menor. O festival levou tamén os espectáculos teatrais a outros espacios, reivindicando a necesidade de contar cun teatro en condicións para ofrecer espectáculos máis coidados, que permitan completar o abano de tódalas posibilidades da escena e que, ademais, recuperen a liña aberta pola Mostra de Cangas durante os últimos anos. A dun teatro feito para divertir, que utiliza o humor como a mellor das armas para que os espectadores non deixen as butacas.