Máis de 22.000 persoas participaron nas actividades programadas dende a concellería de Cultura Tui segue a ser «unha atracción turística e cultural permanente». Así o afirma a propia concellería de Cultura á vista das estadísticas de ocupación hosteleiro e o alto número de visitantes que acolleu a cidade durante a segunda quincena do mes de agosto. A ampla oferta de actividades lúdicas e culturais desenvolvidas nunha incomparable paisaxe histórica e natural elevou, nun 14 por cento con respecto ó ano anterior, o número de persoas que disfrutaron das súas vacacións na cidade fronteiriza. A maioría dos turistas chegaron de Portugal aínda que tamén se notou a presencia de franceses e italianos.
01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.MÓNICA TORRES TUI. Correspondente A oficina de turismo de Tui desenvolveu nos dous últimos meses unha intensa actividade. Máis de 14.000 persoas demandaron información neste punto durante a segunda quincena de agosto. Os usuarios demandan, sobre todo, información sobre os restaurantes e aloxamentos da cidade, guías de turismo cultural e as actividades de ocio programadas. O 48 por cento dos 1.500 extranxeiros que visitaron este centro de información proceden de Portugal, aínda que tamén se notou a presencia dos turistas de Italia, Inglaterra, Alemania e Arxentina. Segundo se desprende das estadísticas da concellería de Cultura, máis de 36.000 persoas elexiron a cidade de Tui para disfrutar o seu tempo libre, un 14 por cento máis que o ano pasado. Os datos facilitados sinalan ademáis que un total de 45.000 persoas visitaron a catedral tudense en agosto. O parque natural do monte Aloia recibiu aproximadamente 18.000 turistas, dos que máis de 3.000 se achegaron tamén ó seu Centro de Interpretación da Natureza. A concellería salienta ademáis o elevado número de asistentes, aproximadamente 22.000 espectadores, que participaron nas actividades desenvolvidas dentro da programación «Tui, un río de cultura, móllate». Un total de 16.000 persoas disfrutaron dos actos realizados nos últimos quince días, entre os que destacou a actuación do grupo folk, Na Lúa e que acaparou a atención de 2.500 asistentes. Moisés Rodríguez, concelleiro de Cultura, sinala que estes datos «fan mirar o futuro dunha maneira optimista, facendo que Tui sexa xa un punto de encontro nas noites de verán, así como dentro do eido da cultura galega».