Aitana del Mar: «É un soño presentar ''Luar'', Gayoso é o mellor compañeiro»
TELEVISIÓN
A nova cara do programa de TVG lembra que de nena vía o programa co seu avó
24 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Cando Aitana del Mar (Vigo, 2000) naceu, Xosé Ramón Gayoso xa levaba case unha década saudando cada venres aos galegos desde o Luar da TVG. A xornalista é a copresentadora do programa desde fai unhas semanas e fai balance do que supón estar ao fronte do lonxevo espazo.
—Que significa para ti sumarte a un proxecto como o de «Luar»
—É un soño. Non creo que haxa palabras para describir o que sentín, nin cando mo propuxeron, in a primeira vez que fun gravar. Sentinme moi afortunada, non so por presentar un programa así a miña idade, senón máis ben polo tipo de proxecto. Luar é algo icónico da Televisión de Galicia. Presentar con Gayoso é estar ao lado do referente máis grande que temos na actualidade na Televisión de Galicia. Así que con moita ilusión pero tamén con medo a non facelo ben nun programa que leva 33 anos en emisión.
—Que recordos tiñas ti do programa como espectadora?
—Na casa dos meus avós, onde me criei, practicamente soamente se vía unha canle: a TVG. Sempre recordo que ao mediodía, cando era unha rapaza e quería ver Os Simpson, tiña que ver o Telexornal. Coido que por iso en parte acabou namorándome o xornalismo. E os venres pola noite víase Luar, claro. Para min era ese momento co meu avó. E por iso creo que foi tan emocionante cando antes de saír o escenario o primeiro día, entre bambalinas, púxenme a chorar da emoción. Eu vía Luar co meu avó desde a miña casa, e agora estou presentado Luar, e veme meu avó.
—Logo presumirá de neta...
—Si, si, ten unha leria con iso...(ri).
—Como está sendo a resposta do público.
—A verdade é que é moi curioso. Hai dúas formas diferentes de que a xente fale contigo. A forma en que o fai o público de Luar é moi guai, porque fano desde o agarimo. Eu comentábao con Gayoso e dicíame: «Claro é que ti pensa que nós ceamos nas casas desa xente todos os venres, sabes? A min coñécenme desde fai trinta anos, o que senten non é unha admiración por un personaxe da tele, o que senten é que somos parte da súa familia, quérennos». Iso si que o noto moitísimo, ese sentimento de familiaridade, e non só de xente máis maior, tamén de novos. Alédanse como se foran parte da miña familia. É ese é un fenómeno que só esperta Luar.
—Que tal é presentar con Xosé Ramón Gayoso?
—Moi ben, Gayoso é coma un pai para min, porque o xeito no que me fala, con tanto agarimo, a forma que ten de explicar as cousas ou estar sempre pendente de min, protexéndome. De trasladar esa sensación de «non te preocupes, non te imos deixar errar, imos estar aquí». Todo isto fai que eu confíe moito nel, pola súa traxectoria pero tamén por como é el, e iso o final tamén se nota no programa, porque el axúdame a estar máis tranquila, moi importante para comunicar ben, mostrar a miña personalidade e disfrutar do programa. Non me podía tocar un compañeiro mellor .
—Con alguén tan nova, tamén se tenta renovar a audiencia do «Luar»?
—Si, estamos incorporando novas seccións dentro do Luar e tamén a miña presenza, porque ao final teño 24 anos... Para tentar acercarnos á xente máis xove
—Tamén tes unha faceta de influínte nas redes sociais.
—Non son moito desa palabra, pero si, é algo así. Nas redes fago o que me peta, o que me apetece. Levántome e vou facer lentellas, pois grávoo e comparto, porque pódelle axudar a xente nova que vive soa e non sabe cociñar. Tamén un pouco vou facendo o que me pide a xente, cousas que me preguntan. Pero tamén intento facer un contido máis cultural, vídeos que fagan pensar e reflexionar aos seguidores.