«Teresa Soutelo é unha personaxe moi contraditoria comigo mesma», afirma a actriz do seu papel en «Serramoura»
16 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Uxía Blanco interpreta a Teresa Soutelo en Serramoura, que hoxe á noite volverá sorprender aos seguidores no novo episodio que emite Televisión de Galicia.
-Que atoparán os seguidores de «Serramoura» no capítulo desta noite?
-Cada episodio de Serramoura é un mundo de historias fascinantes. Polo que respecta a Dona Teresa, ten un tema moi singular con Evaristo Fiúza, que é que cando vén de fóra un inimigo común vemos a súa unión. Eu creo que entre Teresa e Evaristo hai unha atracción imposible e irresistible, que é a atracción do respecto. Respéctanse profundamente porque cada un sabe o que vale o outro. Son un complemento ata na maldade e necesitan pelexar. Non poden estar un sen o outro [ri].
-A pesar de todo o que acontece na serie, Dona Teresa sempre rexorde. Cales son as súas fortalezas?
-Eu creo que a fortaleza de Teresa é que cre en si mesma, e isto non deixa de ser unha falacia, porque ela se di Teresa Soutelo cando realmente non é unha Soutelo. Deixando atrás esta particularidade, Teresa ten as súas propias armas. Unha arma que utiliza moito é a da información, porque a información é poder. Outra arma é o diñeiro. Teresa é unha persoa que ten cartos, pero non é amarrada, ela sóltaos para as súas falcatruadas e para facer o que quere. E, por último, outra das súas armas é a capacidade que ten para buscar aliados e así conseguir o que quere.
-Dona Teresa é unha muller moi diferente a Uxía Blanco. Como foi o proceso de creación da personaxe?
-Teresa é unha personaxe moi contraditoria comigo mesma. É unha personaxe altiva, que ten un afán por manexar información de todo o mundo e ten interese polo económico. Entón tiven que buscar referentes fóra de min como persoa, e nese proceso de creación baseeime, sobre todo, en homes, en empresarios que poden compartir estas características con Teresa.
-Desde «Sempre Xonxa» a «Serramoura», como evolucionou o audiovisual galego?
-En 1989 Chano Piñeiro dicía unha frase que era: «Facer cine en Galicia é posible, facer cine en galego é necesario». Creo que para conquistar a universalidade hai que partir do pequeno, do auténtico, do que é teu, porque se che contan unha historia de verdade na que está implicado o sentimento e ten unha xeografía propia e unha linguaxe propia, isto é exportable para todo o mundo. O noso, mellor ca nós, non o pode facer ninguén. Agora, afortunadamente, hai escolas e profesionais fantásticos e dicir audiovisual galego fóra das nosas fronteiras suma, e é prestixioso, porque estamos facendo produtos moi bos.
-Que lle agarda a Teresa nos vindeiros episodios?
-Moito ollo con dona Teresa, porque non se pode perder de vista. Vai poñer en vilo a toda a vila [ri].