Sabela Arán encarna a Carmela, a dona do mesón de Dorneda
12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Sabela Arán encarna a Carmela, a dona do mesón de Dorneda, que será o punto de encontro onde se van cociñar moitos dos plans máis tolos dos veciños por facerse co tesouro afundido.
-¿Que cousas unen a Carmela e Patri?
-As dúas teñen moi carácter e moito temperamento, pero exprésano en diferentes ocasións. Carmela é máis constante e tranquila e pensa moito as cousas. Patri é máis impulsiva. Co seu propio pai, ao que as dúas queren por igual, teñen unha relación moi diferente. Carmela vive con el e ten unha relación moi empática. Sempre o apoiou cando empezou coa teima de que había un tesouro no fondo mar e cando ninguén confiaba nel. Carmela sempre pensou que podía ter razón e que se non era así, daba igual. En cambio, Patricia apostaba máis por que non fora ao mar e deixara o tema do tesouro coa escusa de que lle quitaba moito tempo. Teñen puntos de vista distintos. E o pai tamén as quere ás dúas, pero Carmela é máis doce con el. Pero son irmás, quérense moitísimo e ao final sempre se apoian e acábanse entendendo. Tamén nas relacións amorosas Carmela é máis pechada e desconfiada.
-Pero está claro que a chegada de Héctor vai cambiar a súa vida.
-É unha cousa que vai ir lenta, porque Carmela non é unha persoa que se lance á primeira. Héctor é unha persoa nova, un aventureiro e as súas personalidades coinciden moito. A relación vai pasar por moitas fases.
-¿Como vai afectar ás dúas irmás a guerra polo tesouro?
-Afectará moito, porque o home de Patri e o seu amigo, Chino, son os que queren atopalo para facerse ricos. A Carmela isto dalle igual. Ela é máis xusta e pensa que se o tesouro é de alguén debe ser para el. Igual que o seu pai, ela non vai polo ouro.