«Luar» celebra os seus 1.000 programas

n. b. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A TVG emite hoxe un especial do espazo conducido por Xosé Ramón Gayoso

16 oct 2015 . Actualizado a las 09:33 h.

Hoxe, ás 22.05 horas, a Televisión de Galicia celebra o programa número 1.000 de Luar, o que supón 24 temporadas ininterrompidas en antena, convertindose nun dos espazos máis lonxevos da pantalla en Galicia e España. E o fará cun especial titulado Luar Milenario.

E á fronte do mesmo, Xosé Ramón Gayoso, un veterano presentador que xa viu pasar polo plató a máis de 50.000 artistas, descubrindo valores das artes musicais galegas e amosando aos espectadores outros dos máis senlleiros do panorama nacional.

Polo programa pasaron 400.000 persoas que asistiron como público, ademáis de humoristas de primeiro nivel e grupos folclóricos de medio mundo. Para celebrar este fito televisivo, Gayoso contará coa presenza das figuras galegas Cristina Pato, Budiño, Lucía Pérez, Leilía, Luar na Lubre, Pili Pampín, Os Resentidos, Mercedes Peón e a orquestra Los Satélites.

O récord de programas recibiu unha chea de parabéns. Así, presentadores como Jordi Hurtado -xunto con Gayoso un dos máis veteranos das pantallas-, Julia Otero, Jesús Vázquez, Ana Rosa Quintana, Susanna Griso, María Teresa Campos, José Mota ou o Gran Wyoming, enviarán unha mensaxe de felicitación pola fazaña conseguida por Luar.

O especial lembrará aquelas actuacións máis senlleiras destas 24 temporadas ininterrompidas, ademáis das actuacións humorísticas de Os Tonechos, que xúntanse para esta ocasión, ou do dúo Mucha e Nucha, entre outros. Tamén haberá un espazo para as anécdotas acontecidas no Luar, contadas por artistas como Bustamante, Mónica Naranjo ou Miguel Bosé. O propio director do programa, Teo Manuel Abad, publica un artigo hoxe na páxina 17 deste diario.