Juan Fuentes, presentador de «A parella: instruccións de uso» destaca a mala prensa que teñen as sogras cando todos falan ben da súa
14 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Cada luns, ás 22.15 horas, uns minutos antes da serie Chapa e pintura, chega a TVG o espazo A parella. Instrucións de uso. É un programa no que Juan Fuentes fai que a xente fale sobre as relacións amorosas e os principais problemas que poden ocasionar, e que teñen moito que ver coa nova comedia da TVG. Esta tempada imos escoitar as opinións da xente da rúa sobre os celos, as sogras, a infidelidade, as conquistas, as rupturas... Moitos temas cheos de matices que ensinaron moito a Fuentes.
-Vaia asunto isto das parellas e os seus problemas...
-É certo. No programa queremos de feito facer unha reflexión sobre isto: é un tema que nos preocupa a todos, do que todos falamos pero non sabemos como funciona realmente. Por iso o chamamos manual de instrucións, porque é algo moi difícil de manexar.
-Dos temas tratados, ¿cal lle sorprendou máis, pola resposta da xente?
-Penso que o tema de infidelidade interesou moito, espertou moitas opinións encontradas, e creo que fixo feridas. Tamén sorprendeume o das sogras: todos falan moi ben das súas, din que son marabillosas pero despois son uns personaxes con moi mala prensa [das sogras vai o espazo de hoxe]. E foi interesante o dos celos, porque todos en xeral somos moi remisos a recoñecer que somos celosos.
-Parece que con estes programas vostede aprende moito...
-Unha persoa bebe do que vive e do que ve, e saber o que pensan os demais sempre é interesante.
-No espazo que presenta fala sempre xente da rúa, excepto a psicóloga, claro.
-Ese era o obxectivo. Os que falan son, coma os da serie, os traballadores dun taller e os clientes dunha perruquería, pero a diferenza coa serie é que todo é real. A serie, como é lóxico, ten un compoñente de esaxeración, aínda que no fondo parécense moito as dúas cousas.
-Vostede traballou no programa que facía Gonzo en Antena 3, esa combinación de denuncia e humor. ¿Está cómodo nese formato de preguntar pola rúa e xogar cos dobres sentidos?
-Eu penso que son un comunicador audiovisual, que é unha palabra un pouco esquecida. E si, síntome cómodo nese papel de reporteiro. Pero tamén presentei concursos, realities e programas de investigación.
-Para rematar, unha pregunta persoal, ¿este espazo serviulle para mellorar a súa relación de parella?
-A verdade: estes meses foron tan intensos de traballo que estiveron a piques de custarme a vida marital [risas].
juan fuentes, presentador do espazo «a parella. instrucións de uso»