O programa de cociña protagonizado por Benigno Campos, que saben gozar coma poucos dos pequenos praceres da vida.
08 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Televisión de Galicia estrea esta noite (21.55 horas), unha nova tempada de Larpeiros o programa de cociña protagonizado por Benigno Campos, que saben gozar coma poucos dos pequenos praceres da vida.
Nesta nova entrega, haberá sitio para todo tipo de pratos, e os larpeiros formularanse novos e importantes retos: ¿É posible atopar marisco galego de calidade a bo prezo? ¿Cales son as claves para que unha empanada pase a historia? Ou como cociñar peixe fresco do día e converter a comida nunha festa.
Para atopar todo o preciso e investigar a fondo cada cuestión, o xornalista Tomás Alonso percorrerá o país, por terra e mar, vivindo mil e unha aventuras, para atopar os mellores produtos de Galicia. E na casa dos Larpeiros, Benigno Campos, acompañado de Lola Vilela, exercerá de mestre de cerimonias, cociñando e reinterpretando clásicos da gastronomía galega.
Grandes aventuras, pratos moi saborosos, música e moito humor serán a carta de presentación desta tempada de Larpeiros.
O programa comezou a súa emisión alá polo mes de xullo do 2008, foi conquistando ao público galego pouco a pouco, ata acadar audiencias superiores ao 27% e obtivo de media por programa un 20%. Ademais en varias ocasións foi o máis visto en Galicia de todas as televisións xeneralistas.
O éxito do espazo tamén se traslada aos galardóns recibidos. Foi premiado na XV premio nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro e nominado como mellor programa aos premios Mestre Mateo do audiovisual galego no 2009, entre outros.