V Televisión estréase en Internet

M.?C.?C. REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

A canle conta desde hoxe cun portal no que pode verse un adianto dos seus contidos

17 may 2010 . Actualizado a las 19:10 h.

V Televisión sae o mercado nun momento no que o modelo televisivo está a debate. As canles do presente e as do futuro teñen dúas pantallas, a do salón e a do ordenador. Para responder a esta nova demanda, V Televisión abre a súa web antes do inicio das súas emisións a través da TDT.

Hoxe estréase a páxina da canle, á que se accede a través da dirección www.vtelevision.es, desde a que se poden coñecer os contidos que ofrecerá a primeira canle autonómica privada de Galicia, que comezará a súas emisións antes de que finalice a primavera.

Desta forma, e dun xeito claro e cómodo, ofrécese ao usuario unha visión global do que é V Televisión, cun avance dos seus espazos informativos e dos contidos que ofrecerán os programas de produción propia e allea. Todos os datos poden consultarse tanto en galego como en castelán, opción que ha de elixir o usuario a través dunha pestana no arranque da páxina, facilmente visualizable.

O portal Vtelevision.es ofrece ao internauta vantaxes adicionais. A primeira é que se poderán visionar algúns dos seus contidos de ficción antes de seren emitidos na cadea en TDT, unha opción que será posible realizar a partir do vindeiro luns 24 de maio. A segunda é que existirá un arquivo que permitirá aos usuarios ver capítulos xa emitidos cantas veces desexen.

Fomentar a participación

Ademais, desde hoxe mesmo algunhas das noticias máis salientables da xornada poderán visionarse na web editadas polos servizos informativos de V Televisión, desde a súa central, situada no polígono de Sabón, no concello coruñés de Arteixo.

Un dos obxectivos co que nace esta nova canle é o de fomentar a participación dos internautas. Así, desde a mesma portada os usuarios poderán rexistrarse nela, un requisito básico para comentar novas, votar os seus vídeos favoritos ou subir as súas propias gravacións e as que queiran compartir.

Para iso, simplemente deberán escribir o seu nome, data de nacemento, lugar de residencia, así como deixar un correo electrónico e achegar un contrasinal. Como complemento ao perfil persoal, opcionalmente, poderán engadir unha imaxe. Xa rexistrados, terán a súa propia páxina nesta web de V Televisión cunha grande variedade de servizos.

Desde a sección chamada Participa, os internautas poderán tomar parte e valorar os temas formulados en distintas enquisas, así como achegar gravacións sobre temas de actualidade e de denuncia cidadá, como xa se vén facendo con éxito desde hai tempo na páxina web de La Voz.

Novo portal

Vtelevision.es busca converterse nunha plataforma para os galegos que viven fóra da comunidade e que empregan habitualmente a Rede como vía de información para coñecer os feitos más destacables que ocorren en Galicia.

Para eles, abriranse proximamente canles específicas que lles permitirán ofrecer a súa propia visión sobre a actualidade dos seus países de residencia, así como noticias sobre a comunidade galega que reside no exterior.