Os libros toman o protagonismo

Camilo Franco PONTEVEDRA

TELEVISIÓN

Cultur.gal comeza en Pontevedra A industria editorial é o núcleo dunha feira que pretende reunir ao sector cultural do país dentro dun mesmo espazo

09 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Cultur.gal abre hoxe as súas portas como un mapa a escala grande da cultura galega. Tendo como núcleo o mundo editorial galego, esta primeira cita baixo o carácter de feira pretende, segundo os organizadores, demostrar o momento que vive o sector cultural e as potencialidades de cara ao futuro. O espazo do recinto feiral de Pontevedra está ao completo cunha maior presenza de empresas que traballan arredor do libro e un amplo abano de firmas e entidades do mundo cultural, discográficas, produtoras audiovisuais, empresas que traballan na rede e medios de comunicación ata completar os sesenta postos abertos desde esta mesma mañá. Ata o vindeiro domingo a oferta dos principais produtos culturais galegos convivirá cun dos programas de actividades máis apretados dos últimos anos. Case como dúas feiras complementarias, a que acontece nos postos das distintas empresas e a que presenta sen deterse as máis recentes novidades dos autores galegos. Cultur.gal propón unha media de vinte actos diarios: proxeccións de cine, presentacións de libros, concertos, actos musicais, talleres, seminarios, exposicións de banda deseñada e as actividades que estarán dedicadas aos cativos. Para comezar, esta mañá, Quico Cadaval, o autor menos editado de Galicia, abrirá unha xornada dedicada a que un espectador despistado do carácter cultural galego o entenda case de golpe. Desde a proxección da película de animación de Miguelanxo Prado, De profundis , á revisión dos desafíos que a Rede ofrece á cultura do país, ver en vivo a emisión do Diario Cultural da Radio Galega, ou a presentación do novo libro de relatos de Miguel Anxo Murado, O soño da febre , sen descontar a presentación do disco de Cristina Pato con Mutenrohi, gravado en vivo. A proxección da recén terminada longametraxe O bosque de levas , de Antón Dobao, sobre a obra de Alfonso Álvarez Cáccamo, e a obra de Mofa e Befa tamén forman parte dun programa que forma o primeiro de catro días de cultura galega.