Un pasado de premio literario

Camilo Franco

TELEVISIÓN

KIKO DA?SILVA

Busco desesperadamente nas librerías e non atopo. Busco un libro sen premiar. Esta é a semana dos premios: escritores, audiovisual, premios poéticos. Unha festiña que medra sen decatarse do final desmobilizador da estratexia. Un dos argumentos dos premios literarios é gañar lectores. O problema deste proceder é cando o eventual torna común e case todos os libros teñen o seu premio respectivo. Case non hai concello sen convocatoria e non se pode dicir que convocar un premio sexa un tipo de acción cultural. A estas alturas o sistema inflacionista apoderouse de nós e queda claro que cantos máis premios menos valor teñen. Que os premios sexan unha estratexia non significa que sexa a única estratexia. Que o glamur divirta. Mentres os escritores remontan a resaca da súa cada vez máis institucional cea das letras, os do audiovisual (así de inconcreto) están a punto de practicar todo o glamur do que somos capaces cos Mestre Mateo. É un paradoxo que as galas da xente do espectáculo teñan tendencia a ser aburridas, pero seguro que o problema do sector non é conseguir divertir durante dúas horas co reparto de sorrisos. Pasado e presente. Unha vez máis a queixa. Témola aí como un penedo carballiñés pendurado sobre nós. Pilar García Negro queixouse de que non se coñece o pasado cultural de Galicia. Leva razón. Pero a estas alturas do século quizais a pregunta é se coñecemos o presente cultural. Se non serán os tempos chegados de cambiar a ollada desde os arquivos á rúa. Do pasado ao presente. Dos mortos aos vivos. Hai anos que nada suscitaba tanta unanimidade nos galegos como esperta a última novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A obra sae a premio cada sete días con semanas de doblete. ¿Será certo iso que din de que os galegos somos monoteístas?